Estás en:Novas

A Deputación inviste 97.000 euros na mellora do abastecemento e saneamento en Graduil e A Pena, en Cambre

As actuacións, incluídas no Plan Único, permitirán ampliar as redes de saneamento en ambas zonas do termo municipal e mellorar o abastecemento no lugar de Graduil.

O proxecto está en fase de licitación

A Deputación inviste 97.000 euros na mellora do abastecemento e saneamento en Graduil e A Pena, en Cambre

A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único a ampliación da rede de abastecemento e saneamento nos lugares de Graduil e A Pena, no termo municipal de Cambre. As actuacións, enmarcadas dentro deste programa provincial, están en fase de licitación e contan cun presuposto de 96.999 euros.

O proxecto permitirá a ampliación dunhas novas redes de recollida de augas fecais na zona de Graduil e A Pena, que estarán compostas de colectores PVC que discorrerán polo eixo das vías. Dentro desta renovación colocaranse pozos de rexistro no lugar. Por outra banda, tamén se mellorará o abastecemento na zona de Graduilcoa instalación de nova tubaxe de fundición dúctil e PVC. As tarefas concluirán coa reposición do firme do pavimento que terá que ser levantado por mor das actuacións.

O prazo de execución das obras é de 3 meses e as empresas interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o 18 de maio.

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único financiou 294 obras construción ou mellora das redes de abastecemento e saneamento de auga nos concellos da provincia, cun investimento global superior aos 36 millóns de euros, sendo unhas das obras máis demandadas polos concellos.