Estás en:Novas

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña mantese cinco anos máis como referente de información oficial da Unión Europea na provincia

A inauguración do novo período de traballo do centro, que irá ata 2025, terá lugar o vindeiro 9 de maio, Día de Europa

O evento incluirá a colocación dunha placa informativa na fachada do edificio provincial, unha performance artística e a inauguración dunha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña mantese cinco anos máis como referente de información oficial da Unión Europea na provincia

Actividades programadas con motivo do Día de Europa

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña manterase como referente oficial de información da Comisión Europea na provincia da Coruña durante os vindeiros cinco anos. A institución europea vén de confirmar a continuidade do centro, pertencente á Deputación da Coruña, ata o ano 2025. Europe Direct A Coruña iniciou no ano 1996 a súa traxectoria para achegar Europa, as súas institucións, o seu traballo e as oportunidades europeas a cidadanía, concellos e entidades da provincia.

A misión do centro Europe Direct é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, especialmente a través da Conferencia sobre o Futuro de Europa, proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE, axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral da sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

O acto de inauguración do novo período do centro terá lugar o vindeiro 9 de maio ás 12 horas, coincidindo coa celebración do Día de Europa. A xornada comezará coa instalación dunha placa informativa na fachada do Pazo Provincial remitida pola Comisión Europea. Un acto ao que asistirán o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o eurodeputado Nicolás González Casares, entre outras autoridades e persoas convidadas.

A celebración continuará cunha performance artística de malabares, acrobacias e equilibrios inspirada nunha das políticas estratéxicas da Unión Europea e que servirá de introdución para a inauguración da exposición itinerante Pacto Verde Europeo. Unha mostra que achega á cidadanía os principais obxectivos desta iniciativa europea para potenciar un crecemento económico sostible e respectuoso co medio.

A exposición busca tamén conectar co público máis novo a través dun xogo en liña en formato de escape room que está baseado nos retos do Pacto Verde Europeo.

Para información complementaria, podedes contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web:
https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2021/actividades-de-europe-direct-coruna-con-motivo-de-la-conmemoracion-del-9-de-mayo-dia-de-europa/