Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación ofrece este ano 1.409 espectáculos en todos os concellos da Coruña

O circuíto artístico move un total de 2.617.391 € euros dos que 1.551.240 € se corresponden á achega da área de Cultura da Deputación da Coruña

A edición de 2021 do circuíto da Deputación recupera os espectáculos suspendidos en 2020 pola Covid

O deputado Xurxo Couto destaca que "a Rede mantivo o nivel de contratación mesmo nos momentos máis difíciles da cultura ao vivo e agora será unha ferramenta para a recuperación

A Rede Cultural da Deputación ofrece este ano 1.409 espectáculos en todos os concellos da Coruña

Un total de 1.409 espectáculos formarán parte das programacións culturais dos concellos a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña que move este ano un orzamento de Será, segundo o deputado de Cultura, Xurxo Couto, "unha ferramenta de especial interese para a recuperación da cultura ao vivo".

Teatro, música, danza, maxia ou cine son algunhas das propostas da Rede Cultural da Deputación da Coruña que programará nos concellos da provincia este ano un total de 1.409 espectáculos. Serán, por modalidades, 198 películas do programa "Visións"; 173 actuacións da modalidade "Lingua a escena" destinada á promoción do galego a través da cultura; 112 propostas de cultura non profesional e, o groso do programa, un total de 926 actuacións de artistas e compañías profesionais das que 524 son obras teatrais, 299 concertos musicais, 65 espectáculos de maxia e 38 de danza.

A área de Cultura da Deputación da Coruña concede a totalidade das solicitudes de programación realizadas polos 93 concellos da provincia financiando desta maneira un total de 1.409 espectáculos nunha concesión que se publica por concellos no Boletín Oficial da Provincia deste martes 4 de maio. A convocatoria da edición do 2021 recupera os espectáculos suspendidos no ano 2020 a causa da pandemia.

Difundir cultura e afortalar o sector

"Trátase dunha importante achega orzamentaria que busca dous obxectivos claros, por unha parte, responde ao noso lema de que "A Cultura é un dereito" e, como tal, ten que chegar a todos os concellos, desde o máis pequeno ao máis poboado e, por iso, a Rede Cultural fai precisamente un apoio financeiro maior a eses municipios de menor número de habitantes que teñen máis dificultades económicas á hora de programar", apunta Xurxo Couto, lembrando que a Deputación da Coruña asume un total do 75% do orzamento en concellos de menos de 5.000 habitantes, un 60% nos que van até 20.000, un 50% dos que teñen de 10 a 20.000 habitantes, 40% no seguinte tramo até 50.000 e finalmente un 30% é a achega da institución nas tres cidades que superan 50.000 habitantes.

O outro obxectivo que o deputado de Cultura, Xurxo Couto, quere destacar da Rede Cultural é "a creación e o mantemento de emprego no sector profesional, de maneira especial, neste momento en que a cultura ao vivo está a atravesar unha importante crise debido á pandemia". Ao respecto, valora tamén, "a resposta da Rede Cultural que mantén o nivel de contratación que, neste caso, vai ser de vital importancia para a recuperación económica de persoas autónomas e pequenas empresas que son maiormente as que compoñen o ámbito profesional da cultura".

REDE CULTURAL DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

MODALIDADE -------------Nº DE ESPECTÁCULOS

VISIÓNS                            198

LINGUA A ESCENA          173

ALICERCE                         112

ESCENA AO VIVO             926

Teatro- 524

Música- 299

Maxia-65

Danza-38

Total espectáculos 1.409

Achega da Deputación da Coruña 1.551.240 €

Resolución por concellos: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/05/04/2021_0000003646.html

 

Páxinas suxeridas