Estás en:Novas

Blas García analiza cos representantes dos bombeiros do Consorcio Provincial melloras na seguridade e necesidades de formación do colectivo

Na xuntanza tratáronse diversos asuntos relacionados coa seguridade e creáronse vías de comunicación máis fluídas para atender ás necesidades e problemáticas que poida ter o equipo de bombeiros

O deputado de Promoción Económica destacou na reunión co Comité de Empresa o importante traballo que realizan os bombeiros provinciais, "un esforzo e compromiso constantes que moitas veces non teñen o recoñecemento que merecen"

Blas García analiza cos representantes dos bombeiros do Consorcio Provincial melloras na seguridade e necesidades de formación do colectivo

O deputado provincial de Promoción Económica, Blas García, reuniuse co Comité de Empresa do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña para tratar de forma prioritaria asuntos relacionados coa seguridade do colectivo e crear novas vías de comunicación máis fluída para atender ás súas necesidades.

No encontro, ao que asistiron representantes de cada central sindical, tratáronse temas como a seguridade das persoas deste grupo, máxima prioridade, así como outros asuntos de diversa índole, como a situación na que se atopa a bolsa de substitucións, a creación da Comisión de Seguridade e Saúde, o plan de formación anual e a necesidade de fixar protocolos de actuación.

Ademais, na reunión estableceuse unha nova canle de comunicación máis fluída co colectivo de bombeiros co fin de atender en todo momento ás necesidades e problemáticas que poidan xurdir. García sinalou que a xuntanza deixou un balance moi positivo "posto que acordamos importantes accións, como o feito de fixar unha xuntanza trimestral con este Comité para poder coordinar e xestionar asuntos de importancia", destacou. "Establecer unha relación de contacto frecuente e fluída co colectivo de bombeiros axudaranos a coñecer aquelas cousas nas que é preciso actuar para mellorar".

O deputado destacou na conversa co Comité o importante traballo que realizan os bombeiros provinciais, "un esforzo e compromiso constantes que moitas veces non teñen o recoñecemento que merecen, porque é un labor que pode pasar desapercibido, pero que é esencial para a sociedade", afirmou.

Páxinas suxeridas