Estás en:Novas

A Deputación estuda colaborar nos proxectos de humanización do Concello de Carral

González Formoso afirma que o proxecto "encaixa perfectamente" cos plans da Deputación para promover melloras na seguridade peonil e un novo modelo de mobilidade sostible e na provincia

A Deputación abriu esta semana a licitación das sendas ciclistas que conectarán a Rede Ciclista Metropolitana co municipio

A Deputación estuda colaborar nos proxectos de humanización do Concello de Carral

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde e o concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo de Carral, que explicaron os plans de humanización da vila que impulsa o Goberno municipal co financiamento do IDAE, e para os que solicitaron tamén a colaboración da institución provincial.

Ambos explicaron que o IDAE vén de conceder ao Concello de Carral unha subvención de 1,5 millóns de euros para un ambicioso proxecto de humanización que se estende en toda a travesía principal da estrada N-550, o entorno do monumento dos Mártires e a zona da praza da Capela e que permitirá mellorar notablemente o entorno, ademais de facelo máis seguro e mais habitable para os peóns.

O Goberno de Carral solicita a colaboración da Deputación para o financiamento de parte dos 300.000 euros que o Concello debe achegar para completar o financiamento previsto para o proxecto, que ascende a 1,8 millóns.

Unha cuestión que o presidente provincial comprometeuse a estudar cos servizos técnicos da institución provincial, pero que entende que "encaixa perfectamente" cos plans que a Deputación da Coruña está a impulsar para promover a mellora da seguridade peonil "un novo modelo de mobilidade sostible e na provincia", polo que ofreceu "a máxima colaboración" ao goberno municipal.

Neste sentido, González Formoso lembrou que a Deputación sacou a licitación esta semana as obras de construción dunha nova senda ciclable que bordeará o encoro de Cecebre e permitirá conectar a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña con Carral, chegando ata o monumento dos mártires. Un proxecto que tamén conta co financiamento do IDAE e que ascende a 2,1 millóns de euros.

O alcalde de Carral agradeceu a colaboración ofrecida polo presidente da Deputación para activar estes proxectos, de gran importancia para o municipio.

Páxinas suxeridas