Estás en:Novas

A Deputación cede ao Concello da Coruña o uso do pavillón do IES Rafael Puga Ramón para as actividades deportivas municipais

Valentín González Formoso e Inés Rey asinaron o convenio, que permitirá ao Concello contar con máis espazos deportivos para adaptarse ás restricións de aforo derivadas da pandemia

Este acordo non interferirá co funcionamento habitual do centro educativo e o persoal municipal encargarase de levar a cabo unha desinfección e limpeza diaria da instalación

A Deputación cede ao Concello da Coruña o uso do pavillón do IES Rafael Puga Ramón para as actividades deportivas municipais

A Deputación da Coruña cede ao Concello da Coruña, ata o mes de xuño do ano 2022, o uso do pavillón polideportivo do IES Rafael Puga Ramón para que poida levar a cabo neste espazo as actividades deportivas municipais.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron no pazo provincial o convenio entre ambas as dúas entidades, que aumentará os espazos deportivos dos que pode facer uso o Concello e permitiralle adaptarse ás restricións de capacidade derivadas da pandemia ocasionada pola COVID-19.

Este acordo non interferirá co funcionamento habitual do centro educativo xa que se establece un horario de ocupación das instalacións de 18.30 a 00.00 horas, de luns a venres, e sen limitación durante a fin de semana sempre que a actividade non resulte incompatible coas do instituto. Ademais, o persoal municipal designado polo Concello encargarase de realizar a limpeza diaria e a desinfección da instalación.

O IES Rafael Puga Ramón é un centro educativo de secundaria dependentes da Deputación da Coruña. O seu pavillón deportivo conta cunha pista cuberta que dispón de sinalización con dimensións regulamentarias para a práctica de voleibol, baloncesto, balonmán, fútbol sala e tenis.

Páxinas suxeridas