Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización presentan o balance dun ano en que a Liña do Galego tramitou 219 queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos

Máis da metade das reclamacións refírense á administración pública, destacando entre elas as dirixidas ao Servizo Galego de Saúde, especialmente incrementada pola situación de emerxencia sanitaria vivida durante o ano 2020, e á propia Xunta de Galiza

O informe anual da Liña do Galego recolle só unha mínima parte do que acontece a diario, pero describe a importancia que lle dá a cidadanía galega a ter contidos audiovisuais na súa lingua como tamén refliectiu a aprobación unánime da Iniciativa Xabarín esta mesma semana

A Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización presentan o balance dun ano en que a Liña do Galego tramitou 219 queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos

A deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño e o presidente e a Secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira e Celia Armas presentaron na Deputación da Coruña o informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2020. Segundo recolle o devandito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou 219 queixas, 20 consultas e 111 parabéns a través das chamadas, correos, e mensaxes a través da App recibidos na Liña do Galego. A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña colabora coa Mesa no financiamento deste servizo.

Destaca a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte do SERGAS, especialmente incrementada pola situación de emerxencia sanitaria vivida durante o ano 2020. Citacións para probas PCR só en castelán, exclusión do galego na liña de atención telefónica habilitada para a COVID-19, comunicacións en castelán a pesar de ter habilitadas as comunicación en galego ou eliminar o galego dos protocolos e formación para os profesionais sanitarios son algunhas das queixas máis recorridas que recibiu o Sistema Galego de Saúde por parte das persoas usuarias da Liña do Galego.

Os protocolos internacionais de garantía do dereito á saúde indican que esta debe ofrecerse na lingua da persoa usuaria, mesmo no caso de que esa lingua teña escasa ou nula presenza no noso territorio. Porén, á vista do informe presentado esta mañá pola Mesa a atención sanitaria segue sen estar dispoñíbel en galego, causando ademais importantes trastornos a quen o solicitar.

Comunicacións, informacións, sinaléctica, atención ao público ou queixas relacionadas con servizos públicos que ofertan empresas privadas en nome da administración autonómica e que exclúen o uso do galego, como servizos bancarios, de comedor ou obras son algúns dos casos máis abondosos recollidos con respecto á Xunta de Galiza, que segue a ser a administración pública que rexistra o maior número de queixas. Tamén son especialmente graves as vulneracións da administración do Estado, que chega a non recoñecer a existencia de máis linguas que o español e imposibilitar así que teses doutorais escritas en galego poidan optar a premios de excelencia con remuneración económica.

"Cómpre visibilizar a realidade", recordou Marcos Maceira, "denunciar quen nos nega a posibilidade de utilizar a nosa lingua no noso propio país, como primeiro paso para reclamar que o dereito a utilizarmos o galego sexa plenamente respectado dándonos sempre esa opción". "Só procuramos que o galego estea tan dispoñíbel, sexa tan audíbel en tan visíbel en Galiza como é o castelán en Madrid", asegurou, "nin máis nin menos". "A tan proclamada igualdade das linguas non é real, se a posibilidade de uso destas linguas non ten iguais dereitos e iguais deberes" rematou, "a vulneración de dereitos lingüísticos é a vulneración dun dereito fundamental e aínda en maior grao se lle engadimos a coacción, e polo tanto degrada o desenvolvemento dunha sociedade democrática con consecuencias tamén na vida económica".

"Ante a ausencia de accións específicas da administración pública para que o galego estea presente", engadiu Celia Armas, "cómpre unha maior activación da sociedade civil na reposición e normalización da lingua galega: en primeiro lugar, esixindo dos diferentes gobernos que cumpran cos seus compromisos cara ao galego, actuando directamente para combater casos como os sinalados; e, en segundo lugar, dirixírmonos directamente por diferentes vías (redes sociais, correo electrónico, postal, teléfono) ás empresas para que muden a actitude e facer ver que somos moitas as persoas que reclamamos visibilidade e espazos de uso para o galego".

A Secretaria xeral da Mesa recordou que o traballo que desenvolve a Liña do Galego de tratamento, asesoramento, difusión e atención das queixas ten conseguido que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa.

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, parabenizou á Mesa pola iniciativa Xabarín recentemente aprobada no Parlamento galego como un paso adiante nun camiño en que "queda moito por facer, como evidencia datos como que o 35% do alumnado non ten competencias en galego e 70% fala castelán, o que é indicativo da política que se está desenvolvendo de imposición do castelán en Galiza"

Referiuse tamén ao informe do consello de Europa que "volve incidir no incumprimento dos compromisos adquiridos tanto polo goberno galego como polo goberno do estado para garantir o uso tanto no ámbito da xustiza como no do ensino, onde observa barreiras en todos os niveis educativos como indica que só un 23% dos menores de 15 anos son quen de expresarse na nosa lingua".

Neste sentido, María Muíño destacou o compromiso da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña co proceso de normalización con varias liñas de traballo, desde programas de normalización, formación especializada para equipas dos concellos ou, de maneira especial, co financiamento da contratación de profesionais nos municipios da provincia ao que destina 500.000 € que se invisten en 35 contratacións. Da mesma maneira, pediulle á Xunta "responsabilidade, compromiso e aceptación da realidade para reverter a situación".

Páxinas suxeridas