A Deputación apoia ao Comité Antisida da Coruña no mantemento das súas vivendas de acollida
O ente provincial achega 60.000 euros para cofinanciar os gastos do persoal dunha vivenda de acollida e outra de inserción dirixidas ás persoas seropositivas e en situación de exclusión social

A Deputación da Coruña colabora no mantemento dos pisos de acollida da asociación Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO).
O convenio asinado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a súa homóloga en CASCO, Begoña Pérez Vegazo, compromete unha achega provincial de 60.000 euros, o 22,45 % do custo total do servizo. A través deste orzamento a institución provincial cofinancia os gastos do persoal da rede de pisos de acollida do organismo neste 2021.
O servizo conta cunha vivenda de acollida e outra de inserción dirixidas ás persoas seropositivas e en situación de exclusión social, un programa único na provincia. Estes pisos contan con 21 prazas e ofrecen ás persoas residentes vivenda, alimentación, roupa, medicación, atención individualizada a nivel psicolóxico, xurídico, social e médico.
O presidente da Deputación definiu o servizo de CASCO como "esencial, e moito máis neste momento de crise económica e social xerada pola pandemia, no que estas vivendas seguiron garantindo a asistencia ás persoas usuarias que se atopan en momentos moi difíciles", recalcou.