Estás en:Novas

A Deputación inviste 3,2 millóns de euros en obras de mellora da seguridade peonil en Arteixo

Valentín González Formoso e Carlos Calvelo visitaron hoxe a nova senda peonil da Cachada e a que se está a executar na DP-0507 entre Rorís e Anzobre

Os fondos de Vías e Obras, do Plan Único e do convenio para o polígono de Sabón permiten a construción de 9 sendas que melloran a seguridade dos viandantes en diversos núcleos rurais do municipio e no polígono de Sabón

Arteixo é o concello de menos de 50.000 habitantes da comarca que máis está a demandar as axudas á hostalaría e axencias de viaxe da Deputación da Coruña

O municipio recibiu máis de 8,5 millóns de euros en investimentos do Plan Único

A Deputación inviste 3,2 millóns de euros en obras de mellora da seguridade peonil en Arteixo

A Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo colaboran na mellora da seguridade viaria e peonil en diversos núcleos do municipio. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o deputado provincial José Ramón Rioboo coincidiron hoxe en destacar que a cooperación entre as administracións contribúe á mellora de numerosas infraestruturas e servizos que melloran a calidade de vida da veciñanza do municipio.

Entre elas destaca a mellora da seguridade peonil, xa que os fondos de Vías e Obras, do Plan Único e do convenio para o polígono de Sabón destinan máis de 3,2 millóns de euros para a construción de nove sendas e beirarrúas que mellorarán a seguridade dos viandantes en diversos núcleos de Arteixo.

Tras ser recibido na Casa do Concello polo alcalde e os portavoces dos grupos políticos representados na corporación municipal, González Formoso, Calvelo e Rioboo visitaron as obras da senda peonil que se está executando na marxe da estrada provincial DP 0507, en Armentón. Un investimento de 381.000 euros que permitirá conectar cun itinerario peonil seguro os núcleos de Rorís, A Crucella e Anzobre, no que se sitúan numerosas vivendas. A obra dará ademais continuidade á senda das mesmas características que actualmente une Lañas con Rorís.

Valentín González, Carlos Calvelo e os portavoces dos grupos políticos da corporación de Arteixo visitaron tamén a senda da Chachada, na DP- 0513, unhas obras xa rematadas que supuxeron un importante investimento de 600.000 euros e "cumpriron unha antiga demanda veciñal, tras moitos anos de trámites".

Estes días, a Deputación está rematando os traballos de pavimentando desta estrada que conecta Arteixo coa Laracha, cun investimento complementario de 202.000 euros para unha obra moi necesaria, debido ao deteriorado que estaba o firme polo alto volume de tráfico pesado que soporta a diario debido á proximidade dunha canteira.

"Son dous bos exemplos de como a Deputación e Arteixo colaboran para mellorar a mobilidade e a seguridade peonil, especialmente nalgunhas zonas rurais onde é francamente necesario", afirmou o presidente da Deputación, que detallou que dos  8,5 millóns de euros que Arteixo recibiu do Plan Único desde a súa creación en 2017, preto de 1,5 foron destinados a e obras de construción de beirarrúas e sendas coma as xa rematadas na Cachada, ou as que van comezar proximamente na AC-552 entre Quinto Pino e Maceira e en Laxobre , tamén financiadas con cargo ao Plan Único.

Pola súa banda, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, agradeceu a visita do presidente para coñecer in situ as actuacións de mellora da seguridade financiadas con fondos provinciais no municipio. "Arteixo aprobou en pleno un ambicioso plan de mobilidade para potenciar a conexión peonil de diversos núcleos do municipio e mellorar a seguridade viaria. Para lograr este obxectivo é necesaria a colaboración das diferentes administracións responsables das estradas que atravesan o concello".

Sendas para mellorar a mobilidade peonil tamén no polígono de Sabón.

González Formoso destacou que a Deputación financia tamén a construción de sendas peonís que melloren a seguridade dos viandantes no polígono de Sabón. Un exemplo son as obras que se están a executar na avenida Arsenio Iglesias, onde hai escasos días comezaron os traballos para a construción doutra senda de preto de 1 quilómetro de lonxitude que enlazará a zona do Instituto co inicio da travesía que dá acceso á praia do Rañal e que supón un investimento de 367.000 euros, financiados con cargo aos fondos do Plan Único.

O convenio subscrito o pasado mes de abril entre a Deputación e o Concello de Arteixo para a mellora das infraestruturas do polígono de Sabón, por importe de 3,5 millóns para os vindeiros anos, recolle ademais de importantes melloras na ETAP e na rede de abastecemento de auga deste importante parque empresarial, a construción de tres novas sendas para garantir a seguridade peonil na zona cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros

En concreto, as sendas discorrerán entre a avenida do Embalse a avenida da Prensa (597.469 euros, financiada ao 100% pola Deputación), na avenida da Ponte (250.719 euros, financiada ao 100% pola Deputación) e na avenida da praia (470.766 euros, financiada ao 87% pola Deputación".

Arteixo presenta o maior número de solicitudes de axudas á hostalaría da comarca

Valentín González Formoso destacou ademais que Arteixo é o municipio de menos de 50.000 habitantes da comarca coruñesa que máis está a demandar as axudas á hostalaría e axencias de viaxe do Plan REACTIVA 2 da Deputación da Coruña.

Un total de 43 das 270 solicitudes rexistradas na comarca a día de hoxe proveñen do municipio de Arteixo, das que 22 xa foron aprobadas e pagadas ou están en proceso de pago, segundo informou o presidente, que lembrou que a institución provincial abriu hoxe o prazo de solicitudes para autónomos e microempresas destes sectores con domicilio fiscal nas cidades da Coruña, Santiago e Ferrol.

Páxinas suxeridas