Estás en:Novas

Arquitectura Límite documenta o patrimonio arquitectónico situado nos 956 quilómetros da liña de costa da provincia da Coruña

O proxecto, que conta co apoio da Deputación, aposta pola innovación tecnolóxica para difundir o patrimonio industrial

Arquitectura Límite documenta o patrimonio arquitectónico situado nos 956 quilómetros da liña de costa da provincia da Coruña

Cetaria Punta Sarridal (Cedeira)

O Museo Virtual da Fundación María José Jove ( https:// muv. fmjj. org/), co apoio da Deputación da Coruña, presenta o proxecto de investigación "Arquitectura ao límite. Construción industrial no bordo litoral", no que se documenta e debate en torno ao patrimonio arquitectónico situado na liña de costa da provincia da Coruña.

En concreto, foron percorridos os 965 km que dividen a terra do mar e documentadas 300 construcións clasificadas en 8 tipoloxías: muíños, conserveiras, estaleiros, cetarias, industria acuícola, secadeiros, portos e industria baleeira.

Ademais, realizouse unha selección, que destaca pola súa singularidade, valor histórico e arquitectónico, que se recrearon en 3D ou rexistradas con imaxes tomadas con vehículo aéreo non tripulado (vídeos e fotografías), cunha estética moi coidada, reforzando a análise e acompañada cada unha dun pequeno texto. Concibido como unha plataforma de revisión e debate, para levar a cabo o proxecto optouse polo emprego e combinación destas tecnoloxías para difundir e contribuír á conservación dos inmobles, algúns dos cales están en perigo de desaparecer. Son arquitecturas adaptadas ao territorio e condicionadas por un mar sempre presente, sen o cal non existirían.

Charlas

Este patrimonio singular sirve, ademais, de punto de partida para reflexionar sobre a súa evolución, transformación, abandono e reconversión, así como o seu impacto no territorio no que se sitúa. Para iso participaron cinco arquitectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC: Carlos Quintáns, que actuou ademais como coordinador científico, David García-Louzao, Elisa Gallego, Óscar Fortes e Juan Creus. O resultado poderá verse nunhas charlas accesibles desde a web do MUV ( https:// muv. fmjj. org/):

• "Debuxando o límite" de Carlos Quintáns.
• "Un territorio sen fronteiras, un territorio de referencias" de Elisa Gallego.
• "Arquitecturas batientes. A arquitectura como mediación no límite do mar" de David García-Louzao.
• "A arquitectura dos oficios do mar. O patrimonio marítimo do litoral galego" de Óscar Fuentes.
• "Nin sagrado, nin salvaxe" de Juan Creus.

Rutas, recursos didácticos e bibliográficos

O proxecto complétase co deseño de rutas para coñecer as distintas paisaxes industriais; varios recursos didácticos que difunden este tipo de patrimonio entre os máis pequenos e unha selección de recursos bibliográficos.

Arquitectura ao límite enmárcase no programa de proxectos singulares de especial interese cultural que contan co apoio da Deputación da Coruña. Pola súa banda o MUV, plataforma dixital e virtual pioneira para a difusión da arte e a cultura, continúa na súa promoción de novas formas de incidir na investigación e na transferencia de coñecemento, facilitando a conexión entre persoas de diferentes ámbitos e disciplinas que contribúan á produción de ideas e accións críticas en relación co contexto máis próximo: Galicia.