Estás en:Novas

Cariño, Mugardos, Pontedeume, Ponteceso, Dumbría e Rianxo acollerán este verán os cursos da campaña de vela e windsurf da Deputación da Coruña

Os cursos, destinados a rapaces e rapazas de entre 9 e 18 anos, realizaranse durante os meses de xullo e agosto

A Deputación recupera os cursos náuticos que suspendeu o ano pasado pola pandemia

Cariño, Mugardos, Pontedeume, Ponteceso, Dumbría e Rianxo acollerán este verán os cursos da campaña de vela e windsurf da Deputación da Coruña

FOTO (ARQUIVO). Cristina Capelán e Sandra González entregan os diplomas da Campaña de Vela en 2019

Un total de 240 nenas e nenos da provincia da Coruña aprenderán a navegar a vela este verán coa Deputación. A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, anunciou hoxe que os concellos de Cariño, Mugardos, Pontedeume, Ponteceso, Dumbría e Rianxo acollerán este ano, entre o 5 de xullo e o 13 de agosto, os cursos da campaña de vela e windsurf 2021, que a Deputación da Coruña recupera este verán tras ser suspendidos en 2020 debido á pandemia.

Nos mesmos poderán participar rapaces e rapazas entre os 9 e os 18 anos pertencentes ao ámbito comarcal de cada un dos concellos que serán sede da actividade. Será requisito indispensable saber nadar e estar empadroados nun concello da provincia da Coruña.

Capelán explicou que os cursos terán unha duración de cinco días en quendas de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas), e nos mesmos realizarase unha iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como un curso básico de windsurf. "A Deputación ten aberta a licitación dos cursos na Plataforma de Contratación do Estado e comunicará a principios do mes de xuño a apertura do prazo de solicitudes, que se poderán formalizar nos concellos", afirmou a deputada.

A empresa adxudicataria deberá contar cun coordinador da campaña coa titulación de técnico deportivo superior en vela, que será o responsable da seguridade dos cursos, e cinco monitores con titulación de grao medio.

Así mesmo deberá contar con distintas embarcacións tipo omega, topaz e optimist, segundo se sinala nos pregos de contratación, táboas de winsurf e velas e tres lanchas pneumáticas de apoio, ademais de material de seguridade para os participantes.

As datas previstas para a celebración dos cursos son as seguintes:

CARIÑO. Do 5 ao 9 de xullo
MUGARDOS. Do 12 ao 16 de xullo.
PONTEDEUME. Do 19 ao 23 de xullo
PONTECESO. Do 26 ao 30 de xullo
DUMBRÍA. Do 2 ao 6 de agosto.
RIANXO. Do 9 ao 13 de agosto.

Páxinas suxeridas