Estás en:Novas

Setenta e catro candidaturas concorren este ano aos Premios PEL da Deputación da Coruña

O xurado reuniuse hoxe, na sede da institución provincial, para avaliar as candidaturas presentadas á IV edición dos Premios do Plan de Emprego Local

Ademais de premiar as empresas, o galardón conta con categorías destinadas aos concellos e ás asociacións empresariais

Concederanse un total de 75.000 euros en premios

Setenta e catro candidaturas concorren este ano aos Premios PEL da Deputación da Coruña

O xurado dos premios PEL que convoca anualmente a Deputación da Coruña reuniuse hoxe na sede da institución provincial para avaliar as candidaturas presentadas ao IV Premio Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial.

As entidades gañadoras do certame daranse a coñecer na segunda quincena de xuño, nun acto que contará coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado da Área de Emprego, José Ramón Rioboo, e representantes do tecido empresarial da provincia.

A Deputación convocou este premio por cuarto ano consecutivo dentro das accións do Plan de emprego local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e autónomas, concellos de menos de 20.000 habitantes e asociacións empresariais comprometidos co desenvolvemento económico da provincia nun ano especialmente duro para o noso tecido empresarial.

Precisamente, debido á excepcionalidade da situación que estamos a vivir, a Deputación dedica esta edición unha das categorías do premio desta edición a recoñecer a aquelas iniciativas innovadoras que contribúan á loita contra a COVID-19.

51 empresas, 8 concellos e 15 asociacións da provincia optan aos galardóns

Un total de 74 candidaturas presentáronse ás cinco categorías coas que conta o galardón, dotadas con 15.000 euros cada unha: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a autónomos/as e empresas da provincia constituídas nas anualidades 2019 ou 2020.; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada , para autónomos/as e empresas da provincia constituídas en 2015 ou con anterioridade, Mellor Iniciativa Innovadora na loita contra a COVID-19, para autónomos/as, empresas e concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posible cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os efectos negativos derivados da pandemia, Concello Promotor do Emprego de Calidade, dirixida aos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes que promoven e favorecen o emprego e o emprendemento e Mellor Asociación Empresarial, cuxa finalidade é valorizar o labor das asociacións de empresarios/as á hora de fortalecer o tecido empresarial.

O xurado estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, mentres que o cargo de secretario desempeñouno Manuel Vázquez Sesmonde, xefe do Servizo de Desenvolvemento Territorial e Medio Ambiente. Así mesmo, participaron especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios con presenza nos concellos coruñeses, como José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela (USC); José Andrés Faíña Medín, presidente do grupo de investigación de competencia e desenvolvemento rexional da Unión Europea da Universidade da Coruña (UDC); Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Carlos Fernández Bermúdez, subdirector da Cámara de Comercio da Coruña e Emma Lustres Gómez, produtora de Vaca Films Studio, S.L.

Os membros do xurado avaliaron as candidaturas presentadas, seguindo criterios de orixinalidade da idea de negocio, a xeración de emprego, a capacidade de expansión, o compromiso social e as medidas implantadas pola empresa a causa da COVID-19, as iniciativas de fomento do emprendemento postas en marcha polos concellos, os servizos prestados polas asociacións empresariais, entre outros.

A Coruña e Santiago presentan o maior número de candidaturas

A meirande parte das 51 empresas que concorren aos premios teñen o seu domicilio nos concellos da Coruña (17) e Santiago de Compostela (7). En canto aos concellos, concorren os de Ares, Boimorto, Brión, Cerceda, Irixoa, Santiso, Sobrado dos Monxes e Vimianzo. No referente á quinta categoría, de mellor asociación empresarial, o concello de Santiago é o que presenta unha maior representación (3), seguido dos concellos de A Coruña (3) e Ferrol (2).

En canto aos ámbitos de actividade das empresas, destaca o sector servizos, especialmente as empresas dedicadas aos servizos técnicos ou tecnolóxicos, así como o comercio e os servizos de educación e formación, seguidos das actividades empresariais industriais e téxtiles.

Nos vindeiros días establecerase a data do acto de entrega de trofeos no que se darán a coñecer as empresas, concello e asociación empresarial gañadores en cada categoría. Así mesmo, este evento propiciará o networking entre todas as entidades candidatas e contribuirá ao establecemento de relacións entre as mesmas.

Páxinas suxeridas