Estás en:Novas

Culleredo estrea alumeado LED no Burgo e Acea de Ama tras un investimento de 230.000 euros cofinanciado pola Deputación

Rioboo destaca a mellora da luminosidade e da eficiencia enerxética

Culleredo estrea alumeado LED no Burgo e Acea de Ama tras un investimento de 230.000 euros cofinanciado pola Deputación

A Deputación da Coruña financiou no Concello de Culleredo importantes actuacións para a modernización do alumeado público nalgúns dos puntos máis residenciais do municipio. Os traballos de dotación de iluminación con tecnoloxía LED acábanse de completar no Burgo e Acea de Ama, cun investimento de case 230.000 euros, financiados en parte con cargo ao Plan Único.

Os traballos leváronse a cabo na avenida Juan Carlos I, a avenida da Coruña, a avenida de Galicia, Costa da Lonxa e Alexandre Bóveda e na avenida de Acea de Ama. Substituíronse os puntos de luz antigos por outros que usan esta tecnoloxía LED, que á vez que supoñerá un menor impacto ambiental, tamén xerará un menor custo para as arcas municipais.

Tamén se reformaron os cadros eléctricos sumando proteccións contra as posibles sobretensións, reducindo así en todo caso as posibles incidencias que se poidan producir nas distintas zonas coa nova instalación.
O alcalde e deputado provincial, José Ramón Rioboo, destaca o "aumento de prestacións" que se logra coa nova iluminación. "Temos maior luminosidade, á vez que se garante a eficiencia enerxética", afirma. Outro dos beneficios será a mellora da seguridade e o aforro que se logrará na factura eléctrica.

O importe dos proxectos realizados foi de 75.515,37 euros para a avenida Juan Carlos I, 70.641,7 euros para a renovación na avenida da Coruña e de Galicia, Costa da Lonxa e Alexandre Bóveda, e 82.150,6 euros para a nova rede de iluminación de Acea de Ama.

Páxinas suxeridas