Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia o segundo ano de contratación indefinida de 86 persoas en empresas da na provincia

O BOP publica hoxe a concesión das axudas para o mantemento dos empregos creados o ano pasado co programa PEL-PEMES, cun investimento de 864.306 euros

González Formoso destaca que o orzamento do programa incrementouse nun 73% para poder atender todas as peticións nun ano "especialmente difícil"

"O obxectivo do PEL é fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia", afirma o presidente provincial

Desde a súa creación, as diferentes liñas do PEL impulsaron a creación de máis de 3.300 empregos directos na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña financia o segundo ano de contratación indefinida de 86 persoas en empresas da na provincia

A Deputación da Coruña financia a contratación indefinida, por segundo ano consecutivo, de 86 persoas en microempresas e pemes da provincia.

A institución provincial publica hoxe no BOP a resolución de concesión das axudas do programa PEL-PEMES Mantemento do cadro de persoal, das que se beneficiarán un total de 86 microempresas, pemes e persoas profesionais autónomas con domicilio fiscal en municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Estas axudas incentivan o emprego estable e de calidade, subvencionando o segundo ano de contrato das persoas traballadoras contratadas ao abeiro da convocatoria de PEL-PEMES 2020 na modalidade de contrato indefinido.

O goberno provincial presidido por Valentín González Formoso, consciente do difícil panorama socioecónomico actual, marcado pola pandemia da COVID-19 decidiu suplementar o crédito destinado a esta convocatoria para poder conceder todas as axudas solicitadas a aquelas empresas que cumprisen os requisitos esixidos nas bases reguladoras. De aí que, finalmente o orzamento inicial de 500.000 euros se incrementase ata acadar os 864.306,36 euros necesarios para conceder a axuda as 86 empresas solicitantes que cumprían todos os requisitos.

Estas empresas recibirán unha subvención do PEL por segundo ano consecutivo, co que sufragarán o 50% dos custes laborais, incluíndo os custes de soldos e salarios e Seguridade Social, das persoas traballadoras contratadas con carácter indefinido en 2020.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, resaltou que "o obxectivo do PEL é fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia" e, no contexto actual, "a Deputación quere estar a carón de todas aquelas empresas e persoas autónomas que desexen contratar e fomentar o emprego estable, por iso reforzamos o orzamento nun 73%, co obxectivo de poder atender todas as peticións que cumprían coas bases. Isto vai a permitir que 86 persoas que comezaron a traballar o ano pasado coa axuda da Deputación podan manter o seu emprego este ano, afirmou.

Destaca o número de empresas beneficiarias procedentes dos concellos de Santa Comba e Mazaricos e da comarca do Xallas

Atendendo á distribución das axudas concedidas por concellos destacan Santa Comba, con 8 axudas concedidas por importe de 80.800,42 €; Mazaricos, con 7 subvencións por importe de 66.931,50 €; Bergondo, con 5 axudas por importe de 52.355,10 € e As Pontes, tamén con 5 subvencións concedidas por importe de52.381,04 €.

Por comarcas, destaca o grande número de solicitudes concedidas na de Xallas, con 15 solicitudes concedidas e 147.731,92 € de axudas; seguida da comarca de Betanzos, con 9 que supoñen 90.636,00 € en subvencións e as comarcas de Ordes e A Coruña, con 8 axudas concedidas en cada unha e unha contía concedida de 82.725,62 € e 84.947,56 €, respectivamente.

En canto a tipoloxía do negocio das entidades beneficiarias, a meirande parte son microempresas (empresas que contan con 10 ou menos empregados/as), supoñendo un 59% do total, seguidas de profesionais autónomos/as, cun 35% do total. A porcentaxe restante, é dicir, o 6% corresponde a pequenas e medianas empresas.

Coa concesión destas axudas o PEL continúa a súa senda de xeración de emprego estable e de calidade na provincia, impulsando a creación de novos postos de traballo e o mantemento das contratacións indefinidas, que xa son máis de 3.300 desde a súa posta en marcha no ano 2016.

A listaxe completa das empresas que se beneficiarán este ano das axudas de PEL-PEMES Mantemento do cadro de persoal pode consultarse na seguinte ligazón:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/06/02/2021_0000004692.html

Páxinas suxeridas