Estás en:Novas

O Gran Fondo Ézaro volve en 2021 á Costa da Morte co apoio da Deputación da Coruña

Santiago acolleu hoxe a presentación da proba coa participación dos deputados José Manuel Pequeño e Blas García e alcaldes e alcaldesas da comarca 

Discorrerá por Cee, Muxía, Vimianzo, Dumbría, Muros e Carnota 

O Gran Fondo Ézaro volve en 2021 á Costa da Morte co apoio da Deputación da Coruña

O Gran Fondo Ézaro, o espectáculo ciclista máis grande de Galicia, volverá ás estradas da Costa da Morte o próximo 11 de xullo para converterse tamén no evento deportivo máis multitudinario da comunidade tras a irrupción da covid-19, unha celebración que fará posible un estrito protocolo de seguridade que, entre outras cuestións, incluirá test de antíxenos para todos os participantes.

O Hostal dos Reis Católicos de Santiago acolleu este mércores, día 2, a presentación da edición máis esperada deste desafío, despois de que en 2020 a pandemia e a necesaria prudencia obrigase a suspender a súa celebración. Con todo, os organizadores da proba seguiron traballando este tempo para que fieis e novas incorporacións poidan volver participar desta experiencia única, que se volveu imprescindible no calendario ciclista galego e nacional e que alcanzou tamén recoñecemento internacional.

Para iso, de forma primordial, e aínda que as condicións epidemiolóxicas foron mellorando, desenvolveuse un estrito e completo protocolo de seguridade para celebrar o Gran Fondo Ézaro 2021 con todas as garantías sanitarias.

Como medida principal, tal e como explicou durante a presentación o responsable de EME Sports, empresa organizadora, Ezequiel Mosquera, farase un test de antíxenos previo a todos os participantes na xornada anterior, de modo que tomen a saída cun resultado negativo en covid-19. Farase desde os seus vehículos e, tras o resultado negativo, entregaránselles os dorsais.

Será un dispositivo grande, que se prolongará toda a xornada e que a organización quere facer extensible ás persoas que pernoiten esa noite na Costa da Morte, a modo de cribado xeral, para garantir a seguridade sanitaria de toda a zona. "Tiñamos claro que, se o faciamos, queriamos facelo con seguridade", dixo Ezequiel Mosquera, que confiou en que os corredores gocen desta "versión inédita" do Gran Fondo Ézaro.

Será inédita tamén polo seu tamaño, dado que non poderán alcanzarse cifras de participación doutros anos. A idea inicial era a de limitalo a 600 persoas, aínda que, coas condicións actuais, abriranse outras 200 inscricións. Se a situación sanitaria segue, como ata o de agora, mellorando, poderán alcanzarse os 1.000 participantes. En todo caso, dadas as dificultades de mobilidade internacional, nesta ocasión non será un evento UCI World Series, cualificación que se retomará o próximo ano.

Menos interaccións

A saída neutralizada farase con máscara e os corredores terán que volver poñela unha vez crucen a meta, aínda que non no percorrido. "Non se pode subir o muro de Ézaro con máscara", chanceou o responsable de EME Sports, quen avanzou que os avituallamentos tamén terán que ser individuais para evitar riscos.

Do mesmo xeito, prescindirase este ano da comida e a festa posterior á proba, por motivos tamén de seguridade. "Os participantes entenderán que hai cousas que van faltar, non por precariedade, se non por seguridade", lembrou.

O que non cambiará o próximo 11 de xullo é que os participantes do Gran Fondo Ézaro poderán volver rodar en plena natureza, ante o océano Atlántico, a través dos municipios de Dumbría, Cee, Muros, Muxía, Carnota e Vimianzo, con dúas opcións, unha longa e outra curta. Unha ruta impresionante ao final do Camiño de Santiago, coa que tamén celebrar este ano Santo Xacobeo 21-22.

Como novidade no percorrido, utilizarase a ruta próxima ao mar a Muxía por Touriñán, unha paisaxe "moi dura pero moi especial" coa que este desafío será "máis Costa da Morte se cabe". Para concluír, de novo, os participantes enfrontaranse ao durísimo desnivel do Muro de cemento que ascende ao miradoiro de Ézaro, no municipio coruñés de Dumbría, e cuxas ramplas fixeron célebres roldas da talla da Volta a España.

Seguridade, Turismo e Deporte

No acto, no que estiveron presentes alcaldes integrantes deste evento, interveu o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, municipio impulsor desta cita. Ante os presentes, agradeceu a implicación de todas as partes para facer posible o regreso do Gran Fondo Ézaro e fixo fincapé na importancia que este ano se dará aos protocolos sanitarios.

Pola súa banda, o deputado de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, destacou que este evento, que apoia a institución provincial, será tamén "moi importante" a nivel económico para os comerciantes e empresarios da zona, que pasaron momentos difíciles por mor da covid-19.

Carlos González, de Red Eléctrica de España, interveu para facer fincapé na unión de "ciclismo, deporte, turismo e Camiño de Santiago" que supón esta proba. "Que máis podemos pedir", resolveu. Na mesma liña, Carmen Pita, de Turismo de Galicia, puxo en valor a necesidade de apoiar "eventos de calidade que posicionen" o destino Galicia e que lembren que se trata dun "destino seguro" a nivel turístico.

Páxinas suxeridas