Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece 22 espectáculos na comarca da Coruña

O circuíto cultural moverá máis de 400.000 € na contratacións de compañías e artistas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña ofrece 22 espectáculos na comarca da Coruña

A Rede Cultural da Deputación da Coruña promoverá un total de 222 espectáculos na comarca da Coruña e As Mariñas. O orzamento do programa será de 401.276 dos que 223.552 proveñen da achega da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Dos máis de 1400 espectáculos que este ano ofrecerá a Rede Cultural da Deputación da Coruña, un total de 222 realizaranse nos concellos da área da Coruña e As Mariñas. Betanzos con 30 espectáculos, Cambre e Carral con 21 e Sada con 27 encabezan a listaxe de concellos que máis propostas presentaron ao catálogo ofertado pola Rede Cultural que terá nos meses de verán a súa época máis intensa.

Compañías como Nova Galega de Danza, contacontos como Avelino González, propostas infantís como Elefante Elegante, Tanxarina, Ghazafelhos, Migallas Teatro, Magín Blanco, Pakolas, Mamá Cabra, os monicreques de Kukas ou A Gramola Gominola; películas entre as que se atopan O que arde, A illa das mentiras ou Arima, grupos teatrais como Talía Teatro, Aldaolado, Teatro do Noroeste. Iboprufeno Teatro, A Panadaría, magos como Mago Rafa ou Martín Camiña ou concertos musicais de Xosé Lois Romero & Aliboria ou MJ Pérez son algunhas das propostas que se incluirán na comarca da Coruña e as Mariñas.

"Será unha oferta plural e de calidade e, despois dun ano complexo, con moitas cancelacións e unha parada obrigada da cultura ao vivo pola pandemia, a Rede Cultural suporá unha ferramenta especialmente útil para a recuperación", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A Rede Cultural contempla este ano máis de 1400 espectáculos nos concellos da Coruña nun circuíto artístico move un total de 2.617.391 € euros dos que 1.551.240 € se corresponden á achega da área de Cultura da Deputación da Coruña. Nesta edición, a Rede recuperara os espectáculos suspendidos no 2020 pola Covid, co fin de apoiar ao sector cultural que está a padecer unha importante crise.

"Neste momento, a Rede ten dous obxectivos claros, o primeiro, responde ao noso lema de A Cultura é un Dereito e, tamén, á urxencia de recuperación do sector cultural xa que o circuíto será unha ferramenta de contratación de especial interese para o sector", anota Xurxo Couto.

Ademais, Xurxo Couto destaca o apoio da Deputación da Coruña a concellos e entidades que organizan festivais que, neste ano, será outra vía de apoio ao sector de cultura ao vivo. A Deputación sitúase á cabeza no apoio aos festivais porque "consideramos que son plataformas de especial interese para apoiar tanto a difusión da cultura como para a recuperación do sector das artes ao vivo que padeceu de maneira extrema a crise provocada pola pandemia", anota o deputado.

Destes festivais, máis de dez organízanse na comarca da Coruña e entre eles temos algúns como o S8 ou o Resis que se están a celebrar que apoiamos con 51.000 e 20.000 € respectivamente ou outros como o Encontro de Artes pola Integración, o Sea Sons, o Festival de Cinema Fantástico, o Atlantic Pride, o Diversidarte ou o Festival Folk de Sisalde en ARteixo ou o Festival de Rúa Extcénica de Oleiros e o de artes escénicas de rúa Ta-Chán! de Sada.