Estás en:Novas

A Deputación investiu 3 millóns de euros en Frades a través do Plan Único, que permiten mellorar servizos e infraestruturas no rural

González Formoso destacou que "o compromiso desta institución está vinculado desde hai moitos anos ao investimento en infraestruturas e agora acrecéntase na parte social por mor da pandemia"

Roberto Rey agradeceu a visita "e os investimentos que fai a Deputación porque son un apoio fundamental para os concellos pequenos"

Destináronse 165.000 euros para facer fronte aos efectos da pandemia, que permiten sufragar preto de 3.000 horas do servizo de axuda no fogar

Valentín González Formoso comprometeuse a valorar a proposta unánime da corporación para a creación dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada que une o núcleo de Aiazo co de Ponte Carreira

A Deputación investiu 3 millóns de euros en Frades a través do Plan Único, que permiten mellorar servizos e infraestruturas no rural

A Deputación da Coruña leva investido a través do Plan Único preto de 3 millóns de euros para financiar obras no Concello de Frades, dos que 639.942 euros corresponden a proxectos para este ano 2021.

Entre as obras financiadas con provinciais no municipio destaca a reparación e acondicionamento da piscina e do polideportivo municipal, ao igual que a renovación dos accesos á Igrexa de Ledoira e a San Martiño.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional a Frades onde, acompañado polo deputado Antonio Leira, o alcalde, Roberto Rey, e os portavoces dos grupos políticos representados na Corporación, fixo un repaso aos numerosos investimentos que alí se acometeron con financiamento provincial, que permite tamén mellorar servizos públicos no rural.

Unha das paradas da visita foi na Central de Frades Sociedade Cooperativa, unha empresa local dedicadas á produción e comercialización de produtos para o sector agrario e gandeiro, nun municipio que conta con máis de 100 explotacións gandeiras e que destaca como o terceiro de Galicia en canto a produción de leite.

A Deputación da Coruña tamén impulsou a creación de emprego en Frades nos últimos anos. Desde o 2016 o Plan de Emprego Local (PEL) provincial permitiu a creación de 32 empregos e serviu de apoio nos seus investimentos a 14 empresas do municipio.

Ademais, no 2021 destináronse 165.000 euros para facer fronte aos efectos e gastos ocasionados pola pandemia, entre eles o financiamento de preto de 3.000 horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para o coidado e atención a persoas maiores ou con necesidades especiais ou a habilitación do servizo de Teleasistencia para 12 persoas usuarias.

González Formoso destacou que "o compromiso desta institución está vinculado desde hai moitos anos, a través dos distintos plans, ao investimento en infraestruturas e agora ademais a nosa axuda acrecéntase na parte social por mor da pandemia xa que esixe máis apoio por parte das administracións".

Roberto Rey agradeceu a visita "e os investimentos que fai aquí a Deputación porque son un apoio fundamental para poder acometer proxectos nos concellos pequenos do rural" e agradeceu especialmente o apoio da institución provincial durante o último ano para axudar aos concellos a facer fronte aos efectos da pandemia, con programas como o Fondo Social do Plan Único ou o PEL- Reactiva.

Mellora da seguridade viaria na DP-3802

O presidente provincial comprometeuse tamén a estudar a viabilidade dun proxecto aprobado por unanimidade polo pleno da corporación municipal para mellorar a seguridade viaria na estrada DP-3802 ao seu paso polo Concello de Frades, concretamente no tramo de 2,3 quilómetros que une o núcleo de Aiazo co de Ponte Carreira.

Acompañado polo rexedor da localidade visitou a citada vía, na que a Deputación xa acometeu outros proxectos de mellora da seguridade viaria, e onde se propón a construción dunha senda peonil na súa marxe esquerda que permita mellorar a seguridade nos desprazamentos que fan diariamente a pé os veciños e veciñas dos núcleos de Aiazo e Ponte Carreira.

"A colaboración co concello é máxima e comprometémonos a estudar esta actuación de mellora da seguridade viaria, veremos se é posible na súa totalidade ou só unha parte dela, co compromiso do concello de xestionar a cesión dos terreos sen necesidade de expropiación", subliñou González Formoso.

Páxinas suxeridas