Estás en:Novas

González Formoso felicita ao Baxi Ferrol polo seu retorno á máxima categoría do baloncesto feminino nacional

O equipo, que conta co patrocinio da Deputación, protagonizou unha tempada impecable, con 29 vitorias consecutivas e ningunha derrota

A Deputación aposta polo deporte feminino, puntuando en todas as liñas de subvencións a presenza de mulleres ou equipos femininos

González Formoso felicita ao Baxi Ferrol polo seu retorno á máxima categoría do baloncesto feminino nacional

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato e a deputada responsable da área de Deportes da institución provincial, Cristina Capelán, visitaron hoxe no pavillón da Malata ao Baxi Ferrol, onde felicitaron persoalmente o cadro de xogadores, o corpo técnico e a directiva do club polo seu recente ascenso á Liga Endesa, máxima categoría do baloncesto nacional feminino, tras unha "tempada impecable" na que sumaron 29 vitorias e ningunha derrota.

González Formoso destacou a "longa traxectoria de colaboración" entre a Deputación e o club, así como o "brillante palmarés" e "as dúas décadas de compromiso co deporte feminino" do Uni Ferrol, e desexou á directiva presidida por Santiago Rey Cancela que "continúe colleitando éxitos deportivos na primeira categoría do baloncesto nacional para a cidade de Ferrol e para a provincia da Coruña".

O presidente destacou "a aposta da Deputación da Coruña polo deporte feminino", puntuando a presenza de mulleres ou equipos femininos en todas as liñas de subvencións da área de Deportes da institución provincial. Un total de seis liñas de apoio ao deporte na provincia da Coruña, que este ano soben o seu orzamento ata os 4,4 millóns de euros e que inclúen tamén entre os gastos subvencionables o material relacionado coa protección fronte á Covid-19 coma máscaras, xel hidroalcohólico, termómetros ou probas para a detección do virus.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, destacou "o apoio constante" que tanto a Deputación coma o Concello de Ferrol realizan "a un club senlleiro" que leva con orgullo o nome da cidade por toda España. "O baloncesto é tamén un sinal de identidade de Ferrol", afirmou Mato, que destacou a importancia de promover os valores do deporte, especialmente entre as novas xeracións.

O presidente do club, Santiago Rey, agradeceu a visita do presidente e o alcalde e destacou a importancia dun club que conta con máis de douscentos rapaces e rapazas na súa canteira. "Para nós é moi importante o apoio das administracións", afirmou Rey, que destacou que "queremos que cada vez máis xente se una a este proxecto". "Estamos encantados de representar a Ferrol e á provincia da Coruña na máxima categoría do baloncesto feminino español", afirmou.

Este ano, o Baxi Ferrol recibirá unha axuda de 86.000 euros da Deputación para apoiar economicamente a súa participación na Liga Endesa, o que converte á institución provincial no principal patrocinador do club.

O presidente da Deputación, a deputada de Deportes e o alcalde Ferrol mantiveron tamén unha reunión co presidente da entidade, Santiago Rey, e a súa directiva para coñecer o seu proxecto deportivo de cara á vindeira tempada.

Páxinas suxeridas