Estás en:Novas

A Deputación da Coruña organiza unha campaña polas diversidades sexuais e un congreso para recuperar a memoria do movemento lgtbiqa+

O 18 e 19 de xuño o Pazo de Mariñán acollerá o congreso "A memoria diversa" con especialistas e protagonistas do movemento

85 concellos e 15 entidades participan no programa "Liberdade de ser e sentir" das áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña organiza unha campaña polas diversidades sexuais e un congreso para recuperar a memoria do movemento lgtbiqa+

As áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña presentaron conxuntamente a campaña e o programa que preparan para a conmemoración do Día das Diversidades Sexuais que se celebrará o vindeiro 28 de xuño. A campaña "Liberdade de ser e sentir", cun amplo programa de actividades, e o congreso "A memoria diversa" son os principais eixes de acción que presentaron a deputada María Muíño e o deputado Xurxo Couto.

Un total de 85 concellos e 15 entidades participan na campaña "Liberdade de ser e sentir" que a Deputación da Coruña, por medio das súas áreas de Igualdade e Cultura, bota a andar para conmemorar o Día das Diversidades Sexuais cun programa que este ano se prolonga ao longo de todo o mes de xuño.

A deputada María Muíño destacou a pluralidade de propostas, deseñadas en colaboración coas entidades, que "ofrecerán ferramentas e materiais para utilizar durante todo o ano e sumar miradas inclusivas para avanzar nunha sociedade máis tolerante e igualitaria".

Neste sentido, o programa inclúe actividades para todos os públicos, desde un conto infantil que será difundido en aberto na rede até pílulas informativas para expandir unha mensaxe igualitaria, conversas públicas con representantes das entidades que defenden dereitos dos colectivos ou a proxección do audiovisual "Noite Irisada" en doce concellos da Coruña.

Ademais, a Deputación da Coruña organiza o congreso "A memoria diversa" que ten como obxectivo recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo LGBTIQA+ en Galicia e da necesidade de darlle visibilidade a aquelas persoas vítimas da represión por cuestións de orientación ou identidade de xénero.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destaca que o congreso "conta con especialistas e protagonistas do movemento en defensa dos dereitos sexuais e as diversidades e recupera a memoria dun colectivo de especial relevancia na nosa das loitas polas liberdades e a igualdade". Xunto co congreso, o programa incluirá a publicación dun libro elaborado pola escritora Eva Mejuto con 12 entrevistas a activistas do movemento.

O coordinador do congreso, Marcos López, destaca a necesidade desta iniciativa que "reivindica a memoria histórica do colectivo e recuperara as voces necesarias, un relato memorialístico en clave diversa e galega para que o pasado e o presente axuden a construír o futuro".

A escritora Eva Mejuto apunta que o libro terá como obxectivo "deixar constancia das voces directas das persoas que viviron a represión á diversidade desde o franquismo, persoas que foron activistas e contan en primeira persoa a súa experiencia vital coma lección para as novas xeracións".

No programa que se desenvolverá os días 18 e 19 no Pazo de Mariñán intervirán, entre outros e outras, activistas como Nanina Santos Castroviejo, Guillermina Domínguez, Laura Bugalho o Jordi Petit; a realizadora audiovisual Carme PG Granxeiro, a presidenta de Arelas, Cristina Palacios; o investigador e activista Carlos Callón; o músico, a investigadora do movemento Daniela Fernández, o filólogo e activista Eric Dopazo ademais de representantes de entidades do movemento.

Para participar é necesario inscribirse na seguinte ligazón: https://aculturaeundereito.gal/

PROGRAMACIÓN CAMPAÑA LIBERDADE DE SER E SENTIR! 2021

• Contacontos infantil O avó que saíu da maleta de Brais das Hortas. Contacontos en formato dixital que estará publicado na web.

• 3 Pílulas informativas que aclararán termos conceptuais relativos ás diversidades.

Conversa coas entidades Alas Coruña, Arelas e Les Coruña arredor dos retos de futuro das diversidades sexuais que terá lugar de xeito presencial o venres 25 de xuño ás 19.00 n na Biblioteca Provincial. É preciso inscrición previa no correo electrónico info@seresentir.gal indicando nome completo e teléfono de contacto. A conversa será retransmitida en directo a través da web da campaña.

Xogo interactivo, en formato "Pasapalabra" e que será colgado na web.

• Colaboración coa serie web S.E.X coa publicación doutros 3 capítulos na web seresentir.gal

Difusión de materias didácticos de ARELAS para centros educativos.

Congreso A Memoria Diversa, que se celebrará os días 18 e 19 de xuño no Pazo de Mariñán e que nace coa idea de recuperar e reivindicar a memoria histórica do colectivo LGBTIQA+ en Galicia e da necesidade de darlle visibilidade a aquelas persoas vítimas da represión por cuestión de orientación ou identidade de xénero.

• Proxección do documentario Noite Irisada que recoñece, a través de voces protagonistas, a loita polos dereitos de gais e lesbianas en Galicia.

Máis información en seresentir.gal e aculturaéundereito.gal