Estás en:Novas

O leonés José Manuel López Pérez gaña o XV Ksado da Deputación da Coruña cun relato visual sobre o drama das persoas refuxiadas

O fotoxornalista autor da colección "Atrapados ás portas de Europa" busca na súa obra "documentar temas relacionados cos conflitos e a inxustiza no mundo"

O leonés José Manuel López Pérez gaña o XV Ksado da Deputación da Coruña cun relato visual sobre o drama das persoas refuxiadas

Unha colección de imaxes que retrata o drama das persoas refuxiadas do fotógrafo José Manuel López Pérez é a gañadora do XV edición do Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica da Deputación da Coruña. O autor busca en "Atrapados ás portas de Europa" visibilizar "as persoas que foxen dos países de orixe debido ás guerras, a fame e a pobreza".

Un xurado composto por Laura B.Terré Alonso, Iria Pena Presas, Lúa Ribeira, Tino Soriano e Victoria Diehl López presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de servizo Mercedes Fernández-Albalat como secretaria, escolleu a obra do leonés José M. López Pérez entre as 65 coleccións que se presentaron á XV edición do Premio "Luís Ksado" de Creación Fotográfica, comisariado polo fotógrafo Xurxo Lobato.

O xurado destaca que o autor "se implica nun momento histórico con imaxes de puro carácter documental do que está ocorrer na problemática dos refuxiados" ademais da súa "capacidade de narración visual de grande calidade técnica ao servizo do tema, unha cor sobria, no límite da percepción, que axuda a comprender mellor o que está ocorrendo nas imaxes".

Outra das razóns que xustifican a escolla da obra de José Manuel López é que son imaxes que "transcenden o momento e convértense en iconas dun drama que define o século XXI". Son, segundo apunta xurado, "fotos nas que se pon en primeiro termo a dignidade das persoas retratadas, en fin, un proxecto fotográfico no que o fondo e a forma se conxugan para contar unha historia, un drama , dunha maneira sobria e contundente".

José Manuel López explica que en "Atrapados ás portas de Europa" buscou "visibilizar o problema da inmigración en Europa, as persoas que foxen dos países de orixe debido ás guerras, a fame e a pobreza, tratando de chegar a Europa, neste caso, a través de Bosnia". Como fotoxornalista trata o autor de denunciar a "inxustiza do mundo", de maneira especial, nos "conflitos armados e as catástrofes humanitarias".

Fotografo independente especializado en documentar temas relacionados cos conflitos e a inxustiza no mundo, a José Manuel López Pérez (León, 1971) gústalle pensar que o seu traballo "pode axudar a mellorar as vidas das persoas" que fotografía.

Despois de estudar fotografía na Escola de Artes e Oficios de Oviedo, traballo como fotógrafo durante 11 anos en "La Crónica de León", xornal local da súa cidade onde estivo até 2009.

Como fotógrafo freelance traballou en Afganistán, Irak, Palestina, Irán, Kosovo, Haiti, Guatemala, Nagorno-Karabakh,Venezuela, R.D. Congo, Urania, Siria, Somalia e Sudán do Sur entre outros.

O seu traballo mostrouse en exposicións tanto individuais como colectivas e premiado en distintas ocasións entre as que cabe destacar "Fujifilm Euro Press Photo Awards", "UNICEF Photo of the Year Award", "International Photography Awards", "Marco Luchetta Award" e nominado para "Magnum Foundation Emergency Fund" entre outros.