Estás en:Novas

Igualdade da Deputación da Coruña e o Concello de Oroso inauguran "Nós somos elas"

A exposición estará instalada no parque de Carboeiro até fin de mes

Igualdade da Deputación da Coruña e o Concello de Oroso inauguran

A mostra "Nós somos Elas", promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda foi inaugurada no Parque de Carboeiro de Oroso nun acto en que participou a responsábel da área de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, e o alcalde de Oroso, Luís Rey ademais doutros membros do goberno municipal. A mostra recolle imaxes do Arquivo Vidal con textos de 24 poetas.

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño visitou a exposición "Nós somos elas" que está instalada no parque de Carboeiro, a carón do Centro de Saúde de Oroso, xunto cunha comisión do goberno municipal presidida polo seu alcalde Luís Rey e na que participaron a concelleira de Igualdade, Isabel Fernández a de Cultura, Vanesa Boo ademais doutros membros da corporación.

A mostra "Nós somos elas", que permanecerá no Concello de Oroso até fin de mes , quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo histórico fotógrafo de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes. Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal, concretamente de José Mª Vidal, da colección permanente do Museo de Mar de Laxe.

A exposición inaugurouse na Coruña e visitou os concellos de Malpica, Ames e Zas até chegar agora a Oroso, antes de continuar a itinerancia en Laxe e San Sadurniño.

Fotos de Vidal e voces de poetas

O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal.

Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras. Festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, nada escapou ao seu obxectivo.

O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en "Nós somos elas".

Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.