Estás en:Novas

A Deputación promocionará os produtos ecolóxicos e artesanais da provincia no Festival de La Luz

As empresas interesadas en dar a coñecer os seus produtos no Mercado da Deputación poden presentar solicitudes ata o 2 de xullo

A Deputación promocionará os produtos ecolóxicos e artesanais da provincia no Festival de La Luz

A Deputación da Coruña promocionará, un ano máis, os produtos artesanais e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz, que se celebrará en Boimorto entre os días 10 e 12 de setembro.

A área de Promoción Económica e Emprego do ente provincial anuncia hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a apertura do prazo para que produtores e artesáns que o desexen podan solicitar a súa participación no Mercado da Luz, patrocinado pola Deputación, para promocionar e dar a coñecer produtos ecolóxicos, creativos e innovadores do rural da Coruña. As empresas interesadas poderán mandar a súa proposta á dirección de correo festivaldaluz@dacoruna.gal ata o 2 de xullo.

Como en anteriores edicións, a Deputación reservará tamén un stand propio para promocionar a provincia como destino turístico entre as persoas que asistan ao festival este ano.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que "ademais de ser un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un escaparate perfecto para dar a coñecer o potencial que teñen os concellos do rural da provincia no ámbito da artesanía, a sostibilidade e a innovación".

Nesta nova edición do encontro realizaranse demostracións e presentacións e favoreceranse os programas educativos e formativos nos que o medio, o aforro e a sostibilidade teñan protagonismo. Terán ademais prioridade aqueles produtores que pertenzan e asistan baixo a supervisión dunha asociación ou entidade sen ánimo de lucro ou conten con selos oficiais que acrediten e recoñezan os seus produtos.