Estás en:Novas

A Deputación da Coruña entrega un camión 4x4 para traballos de mantemento de estradas en Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior

O vehículo supuxo un investimento de 300.000 euros e destinarase a traballos de limpeza de rúas e estradas, usarase como quita neves e contará con grúa e motobomba para efectuar outros traballos de reparación e mantemento de infraestruturas públicas

A Deputación da Coruña entrega un camión 4x4  para traballos de mantemento de estradas en Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entregou hoxe aos municipios que integran a Comunidade Intermunicipal Lambre-Mandeo (Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior) un camión 4x4 adquirido pola institución provincial que se destinará a labores de conservación e mantemento de estradas e espazos públicos nestes catro municipios.

No acto de recepción do novo vehículo participaron os alcaldes de Aranga, Alberto Platas, e Monfero, Andrés Feal, e tamén concelleiros de Irixoa e Vilarmaior.

O camión, que está construído en España e que conta cun completo equipamento creado en Galicia, estará dotado dun equipo motobomba para realizar tarefas de limpeza de beirarrúas e marquesiñas, así coma labores de mantemento en vías municipais.

O vehículo conta tamén cunha grúa elevadora para traballos de poda de árbores e reparación nas luminarias públicas; un polbo con rotor de xiro para recollida de plásticos agrícolas nas explotacións gandeiras e un garavillador para a realización de traballos de conservación das vías municipais dos catro concellos da comunidade.

As características do camión complétanse cunha folla quita neve e un esparexedor de salmoeira para solucionar os problemas de acceso que no inverno sofren moitas aldeas a causa da neve.

Páxinas suxeridas