Estás en:Novas

Turismo da Deputación da Coruña defende en Barcelona o modelo dos parques patrimoniais e a Reserva das Mariñas

O vicepresidente e deputado de Turismo participa na feira B-Travel de turismo industrial que se desenvolve dos días 11 a 13 de xuño

Turismo da Deputación da Coruña defende en Barcelona o modelo dos parques patrimoniais e a Reserva das Mariñas

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, defenderá na feira B-Travel de Barcelona o modelo de xestión dos proxectos supramunicipais de parques patrimoniais nos que está traballando xunto cos concellos nun evento en que terá espazo propio e promocionará tamén o proxecto de Reserva da Biosfera das Mariñas. O proxecto de Parque de Ortegal, o do Megalitismo da Costa da Morte, o da Idade de Ferro da Barbanza, o Compostela Rupestre ou o do río Anllóns ademais da Reserva da Biosfera das Mariñas centrarán a participación da Deputación da Coruña programa da feira de turismo industrial de Barcelona, B-Industrial, que se celebra dentro do salón internacional de turismo B-Travel.

"Nestes últimos tempos estamos a traballar no deseño dun modelo de actuación no patrimonio a través dos parques supramunicipais que son, ao noso ver, un exemplo de cooperación e promoción do patrimonio e, neste sentido, queremos promocionar en B-Travel estas ferramentas de especial relevancia tamén para a súa difusión e posta en valor", sinala o deputado de Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

Neste sentido, xunto co técnico Ángel Eiroa, defenderá na intervención oficial no programa da feira o conxunto de proxectos patrimoniais que poden centrar a atención de representantes do sector que se dan cita na xornada profesional de Turismo Industrial nun programa no que tamén se presentará o proxecto de Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia por parte do técnico Diego López e o presidente José Antonio Santiso Miramontes.

"Como comprobamos en Fitur, os nosos xeodestinos son de especial interese para as demandas do sector neste momento de recuperación tras a crise imposta pola pandemia. O mercado do turismo aposta por unha oferta de calidade, con atención á paisaxe e nós podemos responder con grande nivel a esas demandas", explica Xosé Regueira que valora moi positivamente a recepción que en Fitur tivo a presentación do proxecto de Xeoparque de Ortegal.

A Deputación da Coruña participará tamén cun posto de 24 metros nos que se distribuirá información de carácter turístico dos xeodestinos e os concellos da provincia. Neste ano B-Industrial ofrece tamén unha actividade de Escape Room arredor da espionaxe industrial na que, entre outros premios, a persoa gañadora recibirá un lote de produtos gastronómicos da Reserva da Biosfera das Maniñas Coruñesas e o Mandeo.

B-Travel é unha feira referente no sector do turismo de experiencias, con zonas expositivas que en cada edición recibe uns 36.000 visitantes e 1.233 profesionais con 189 expositores de máis de 40 países.