Estás en:Novas

O Concello de Bergondo financia co Fondo Social do Plan Único unha nova liña de axudas para o pago do alugueiro ou da hipoteca da vivienda habitual

Esta subvención, que conta cun orzamento de 40.000 euros e está financiada a través do Plan único social da Deputación, ten o obxectivo de contribuír a minimizar o impacto da pandemia nas familias máis vulnerables.

O  Concello de Bergondo financia co Fondo Social do Plan Único unha nova liña de axudas para o pago do alugueiro ou da hipoteca da vivienda habitual

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o extracto da nova liña de axudas que lanza o Concello de Bergondo para o pago do contrato de alugueiro ou dun préstamo hipotecario da súa vivenda habitual se esta está situada no municipio.

Esta subvención, que conta cun orzamento de 40.000 euros e está financiada a través do Fondo Social do Plan Único Social da Deputación da Coruña, ten o obxectivo de contribuír a minimizar o impacto económico e social derivado da pandemia nas familias máis vulnerables.

O Fondo Social do Plan Único está dotado con 14 millóns de euros para os 93 concellos da provincia, que destinan estes cartos a programas municipais de carácter social destinados a paliar as consecuencias da pandemia entre as familias máis desfavorecidas ou con menos recursos económicos.

Desde o goberno local de Bergondo explican que "queremos estar ao carón dos nosos veciños e veciñas e somos conscientes que hai moitas situacións complicadas no eido familiar que xurdiron ou agraváronse pola crise sanitaria actual".

O prazo para presentar as solicitudes finalizará o 22 de xullo e poderá facerse de xeito telemático a través da sede electrónica ou presencial no Rexistro, solicitando cita previa.

A contía da axuda que recibirán os adxudicatarios será de ata 300 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder o importe da renda do contrato de alugueiro ou da mensualidade do préstamo hipotecario. Concederase durante un período máximo de tres meses, podendo ter efectos retroactivos desde xaneiro de 2021.

Un dos requisitos que se detallan nas bases é o de estar en situación de vulnerabilidade económica, considerando isto cando o conxunto de ingresos do ano 2020 dos membros da unidade de convivencia non supere 2 anualidades do IPREM vixente (13.557,6 euros). Ademais, este límite ampliarase a 3 anualidades do IPREM no caso de grupos de familias de especial consideración e, con carácter excepcional, tamén poderán solicitar que se teña en conta a súa situación as persoas afectadas por un ERTE ou, no caso de autónomos ou réximes especiais, aquelas que cesen a súa actividade ou reduzan os ingresos en máis dun 75%.

As bases ao completo poden consultarse en https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/06/04/2021_0000004681.pdf