Estás en:Novas

Últimos días para solicitar as axudas REACTIVA da Deputación para hostalaría e axencias de viaxe

O prazo remata o vindeiro 15 de xuño

Ata o momento recibíronse 3.000 solicitudes, das que 2.500 xa foron pagadas

As subvencións, de 1.500 euros por negocio, estanse tramitando en tempo récord, nun prazo medio de 7 días

Últimos días para solicitar as axudas REACTIVA da Deputación para hostalaría e axencias de viaxe

O vindeiro martes 15 de xuño, ás 14:00 horas, rematará o prazo para que negocios de hostalaría, hospedaxe e axencias de viaxe da provincia da Coruña poidan solicitar as axudas PEL-Reactiva da Deputación.

Desde a súa apertura, o 3 de maio presentáronse preto de 3.000 solicitudes, das que 2.500 (máis do 80%), xa foron pagadas ou se atopan en trámite de pagamento. Atendendo a estas cifras, na actualidade xa se concederon máis de 3,6 millóns de euros en subvencións.

A axilidade na tramitación das axudas "para adaptarnos ás demandas dun sector que precisa liquidez inmediata", segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, é unha das principais vantaxes da convocatoria deste programa REACTIVA. todas as axudas do PEL-Reactiva

As axudas á hostalaría están sendo tramitadas directamente desde a Deputación e son compatibles coas subvencións doutras administracións. O tempo medio de pago é de 7,5 días, chegando a alcanzar un tempo mínimo de 0,6 días, un récord no pagamento de subvencións na Deputación.

Como presentar solicitudes?

As axudas PEL-Reactiva Hostalería diríxense ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e ás microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que figuren dadas de alta no IAE con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 en calquera das epígrafes relativas a bares e restaurantes (agrupacións do IAE 67), hospedaxe (epígrafe 68), axencias de viaxe (epígrafe 755) e salas de festa e discotecas (epígrafe 969.1), que non foran beneficiarios/as das axudas do Fondo de Financiamento para a Reactivación Económica e Social de PEL-Reactiva e cuxo domicilio fiscal conste nun concello da provincia da Coruña.

A presentación de solicitudes realizarase de forma telemática a través da plataforma SUBTeL (https://sede.dacoruna.gal/subtel/). A documentación necesaria é a seguinte:

- Certificado de vida laboral do/a autónomo/a onde conste a data de alta no RETA (no caso de que o/a solicitante sexa persoa física).

- Certificado de situación censual da Axencia Estatal da Administración Tributaria, actualizado para os efectos de determinar a data de inicio da actividade.

- Información de datos bancarios:

o Persoas físicas que actúen no seu propio nome: designación de conta bancaria (código IBAN ou CCC).

o Persoas físicas que actúen a través de representante e persoas xurídicas: certificación bancaria ou documento de banca electrónica que conteña o nome ou razón social, o CIF/NIF e a identificación da conta bancaria (código IBAN/CCC).

Preto do 70% das solicitudes presentadas ata o momento foron realizadas por persoas autónomas e un 86% das entidades e solicitantes atópanse dadas de alta na epígrafe 67, correspondente a bares e restaurantes.

No referente á distribución por concellos a día de hoxe, a meirande parte dos solicitantes teñen o seu domicilio fiscal na Coruña, Santiago, Ferrol, Narón e Carballo. Destaca tamén o alto volume de solicitudes rexistrado en Fisterra.

Pódese atopar máis información sobre esta liña de axudas na páxina web do Plan de Emprego Local:https://pel.gal/