Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 70.000 euros para apoiar o Banco de Alimentos Rías Altas

A Deputación da Coruña destina 70.000 euros para apoiar o Banco de Alimentos Rías Altas

A Deputación da Coruña destina este ano 70.000 euros para axudar ao Banco de Alimentos Rías Altas na adquisición de víveres de primeira necesidade, tras o notable incremento de solicitudes rexistrado pola entidade durante o último ano.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a representante do Banco de Alimentos Rías Altas, Concepción Rey, e a deputada da área de Benestar Social, Ana Lamas, asinaron o convenio que articula a colaboración da institución provincial con esta entidade sen ánimo de lucro e que incrementa a achega do ano pasado en 10.000 euros, pois a achega provincial cubrirá tamén este ano parte dos fondos para a contratación de dúas coordinadoras que se encargan do control dos almacéns e da coordinación das campañas de recollida de alimentos. O convenio foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no pleno do pasado mes de maio.

González Formoso destacou "o gran labor social" que realiza a entidade e explicou que a crise da Covid19 propiciou un forte incremento das peticións de axuda, principalmente a través dos servizos sociais dos concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela. "Ademais dos beneficiarios habituais, o Banco de Alimentos rexistrou miles de novas peticións de familias durante o último ano debido á crise provocada pola pandemia. A colaboración da Deputación pretende contribuír a que o Banco de Alimentos poida atender ese incremento da demanda".

Pola súa banda, a responsable do Banco de Alimentos Rías Altas agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña para facilitar a actividade dunha asociación baseada no voluntariado, que o ano pasado repartiu 2.680.498 kg de alimentos entre 182 entidades benéficas, favorecendo que 24.822 persoas poidan ter acceso a un ben básico como é a alimentación e promovendo a súa inclusión social.

O Banco de Alimentos Rías Altas é o único Banco de Alimentos recoñecido por FESBAL para a provincia da Coruña e dispón de catro almacéns de distribución: dous na Coruña, un en Santiago e un en Ferrol. Os alimentos que recollen proceden de donativos de particulares, empresas ou centros educativos, que se clasifican e distribúen segundo as necesidades das entidades sociais colaboradoras, pois os alimentos non se entregan directamente ás persoas máis desfavorecidas, senón a través de institucións benéficas e de axuda social legalmente recoñecidas.

Páxinas suxeridas