Estás en:Novas

Xaquín Marín, a Agrupación Astronómica Ío e Twitter en Galego gañan os premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

O xurado destaca o papel desenvolvido para a promoción da nosa lingua en todos os ámbitos

Xaquín Marín, a Agrupación Astronómica Ío e Twitter en Galego gañan os premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

O debuxante Xaquín Marín, na categoría de persoas, a Agrupación Astronómica Ío na de entidades e o Twitter en galego para iniciativas de xente nova son as tres gañadoras dos XII Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. A convocatoria está encamiñada a recoñecer persoas e entidades que traballan na promoción do galego.

O xurado composto pola técnica de normalización lingüística do concello da Coruña, Julia Rigueiro, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate coa deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, como presidenta e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria decidiu conceder as tres modalidades do premio Rosalía de Castro por unanimidade, destacando a calidade e o traballo desenvolvido polas propostas gañadoras.

O debuxante Xaquín Marín é o gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega por, segundo o xurado, "o compromiso continuado no tempo. Polo alcance social do seu traballo. Por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual". En definitiva, valórase o seu labor " pola defensa da lingua implícita e explicitamente nos seus cadros e pola atemporalidade da súa obra que segue viva e actual".

Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega a gañadora é a Agrupación Astronomía Ío, "por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral". Destacan tamén a "énfase na creación lexical que demanda especialidade para a normalización do galego nese ámbito e a elaboración de recursos e materiais didácticos para a divulgación da astronomía con grande rigor". Apuntan, así mesmo, que a asociación impulsou e asesorou a Real Academia Galega no nomeamento das 88 constelacións en galego e promoveu a campaña social para que a Unión Astronómica Internacional asignase o nome de Rosalía de Castro a unha estrela.

Finalmente, na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua a gañadora é a iniciativa TWITTER EN GALEGO, promovida por Carlos García Vieito da que se sinala que coordina "o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego". Valórase tamén que Twitter en galego crea "terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital" e destácase o "grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego".

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, destaca que os premios "recaeron en persoas e entidades que están a desenvolver un traballo de especial interese para que a nosa lingua avance en todos os ámbitos, tamén en especializados e nas persoas máis novas que son o futuro do galego". O premio está dotado con 2.100 euros por categoría.

Páxinas suxeridas