Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Fene acordan melloras na rede de estradas do municipio

A Deputación construirá un tramo de senda peonil desde a Torre de Borrás ata o enlace coa Vía Rápida a Maugardos

O goberno municipal de Fene solicita a mellora do firme da DP-1503 (rúa da Fraga) na zona urbana do municipio e medidas para garantir a seguridade na contorna do instituto de Barallobre

A Deputación e o Concello de Fene acordan melloras na rede de estradas do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse hoxe na sede da institución provincial co alcalde de Fene, Juventino Trigo, e os concelleiros de Urbanismo e Obras e Servizos, Manuel Polo e Mar Piñeiro.

O presidente provincial e o rexedor fenés acordaron pór en marcha distintos proxectos para a mellora da seguridade de distintos vías da rede provincial de estradas ao seu paso polo municipio.

González Formoso confirmou que a Deputación iniciará o proxecto para a construción dunha senda peonil na estrada da Armada (DP-3501), que dará continuidade ás beirarrúas que actualmente xa chegan ata a zona da Torre de Borrás e continuaría o itinerario peonil ata o lugar onde a estrada provincial conecta coa vía rápida que vai a Mugardos, un tramo de menos de un quilómetro de lonxitude que contribuirá a mellorar a seguridade peonil, completando a infraestrutura existente.

Por outra banda, o goberno municipal de Fene mostrou a súa disposición á transferencia ao Concello do tramo da DP 1503 que discorre polo núcleo urbano do municipio (rúa da Fraga), previa mellora da pavimentación e pintado do vial.

Así mesmo, o alcalde solicitou a colaboración da Deputación da Coruña para mellorar a seguridade viaria na contorna do instituto de Barallobre, onde só hai un tramo de beirarrúas e os coches circulan con frecuencia a velocidade excesiva, un asunto que o presidente se comprometeu a estudar co deputado José Manuel Pequeño e os técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial, co obxectivo de determinar as medidas máis adecuadas.

Páxinas suxeridas