Estás en:Novas

Suso de Toro e David Rodríguez analizan a posición política e e económica actual no sexto Referentes

Os dous escritores e intelectuais galegos pecharán a primeira tempada da proposta audiovisual da área de cultura da Deputación da Coruña, mañá xoves 17 de xuño ás 20h30

Xurxo Couto salienta a capacidade que tivo este novidoso proxecto, na súa primeira fase, para poñer en valor figuras de relevancia da nosa cultura e favorecer a reflexión colectiva

Suso de Toro e David Rodríguez analizan a posición política e e económica actual no sexto Referentes

Os escritores e intelectuais galegos Suso de Toro e David Rodríguez conversarán sobre as relacións políticas, económicas e sociais que ten Galiza con España, con Portugal e coas institucións europea, na sexta e última entrega da primeira tempada de Referentes, o proxecto audiovisual dixital da Área de Cultura da Deputación da Coruña que coordina Xurxo Couto.

"Eu coñecín bastante ben como funciona Madrid", asegura nun momento da conversa Suso de Toro, "achegueime bastante a ver como funcionaban os poderes do Estado e podo ter un coñecemento bastante cabal e por iso mesmo chega un momento no que digo aquí non hai nada que facer, hai que defender a casa".

David Rodríguez analiza os distintos momentos que atravesou a relación existente entre a sociedade galega e as sociedades que a rodean e defende que "se hai algo positivo para Galiza despois de todos estes anos na Unión Europea foi a desaparición da fronteira entre Galiza e Portugal" e lamenta que non se aproveitara a oportunidade para "facer políticas dende aquí, non pensadas dende Madrid" e permitir que esa conexión con Portugal axudara a mellorar as condicións materiais galegas, a acumulación de poboación, o PIB e outras cuestións obxectivas de potencia económica e política.

"Son pesimista, respecto de España", continúa Suso de Toro, "creo que dentro de Europa está destinada a ser un país de camareiros e pagar o que debamos e vivir unha falsa alegría, unha borracheira de realidade". "E, dentro diso", expón, "creo que Galicia necesita ter poder político propio". "Os meus esforzos todos están dedicados a fortalecer o meu país, coa cultura, coas ideas, coa economía co que poida", conclúe, "fortalecer Galicia, para fortalecérmonos o máis que poidamos".

Esta conversa entre os intelectuais e escritores galegos Suso de Toro e David Rodríguez, que se estreará mañá xoves 17 de xuño ás 20h30 no Facebook e no Youtube da Área de Cultura da Deputación da Coruña porá o ramo á primeira tempada de Referentes, o innovador proxecto audiovisual da área de cultura da Deputación da Coruña que dirixe Xurxo Couto e que, segundo o deputado provincial, acadou o obxectivo de poñer en valor figuras de relevancia da nosa cultura e favorecer a reflexión colectiva, "imaxinando novos mundos dende o agora e empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade".

A identidade, a memoria da infancia, a desigualdade que sofren as mulleres en certos ámbitos, o dereito á vulnerabilidade e á beleza, a saúde mental, a importancia da amizade e do amor o presente político e económico do país centraron parte das seis conversas que dende este xoves estarán dispoñibles na rede para favorecer que a conversa prenda e siga medrando no seo da sociedade galega.

Protagonistas

Suso de Toro é un escritor galego nacido en Compostela en 1956. Publicou en galego máis de vinte obras de narrativa, teatro e ensaio. Colaborador habitual en medios de comunicación, a súa obra traduciuse a varios idiomas e unha delas, Trece Badaladas, Premio Nacional de Narrativa, foi levada ao cine en 2003. Títulos seus como Polaroid, Tic-tac, ou Non volvas tamén foron galardoados co Premio da Crítica de Narrativa Galega.

David Rodríguez naceu en Vigo en 1975. Deseñador gráfico e escritor, foi o fundador do blogue O funambulista coxo en 2005, e autor de obras como O canastro sen tornarratos ou O bambán, coa que gañou o I Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural. As súas reflexións tamén se poden ler en numerosos medios, como Nós Diario, Praza Pública ou Luzes, entre outros.

A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estes dous referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.

Páxinas suxeridas