Estás en:Novas

Ana Lamas destaca en Bergondo “a dimensión social” do Plan Único

A deputada reuniuse coa alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, para coñecer de primeira man os detalles do novo programa municipal de axudas á vivenda que financia o Fondo Social do Plan Único

O Plan Único Social tamén se emprega en Bergondo para financiar un programa de ocio para persoas con diversidade funcional e para reforzar o persoal administrativo de Servizos Sociais

Ana Lamas destaca en Bergondo “a dimensión social” do Plan Único

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, visitou o Concello de Bergondo para coñecer de primeira man os detalles da nova liña de axudas para o pago do aluguer ou a hipoteca habitual creada polo Concello de Bergondo a través do Plan Único Social.

Ana Lamas reuniuse coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e valorou esta iniciativa, que ten como obxectivo "contribuír a minimizar o impacto económico e social derivado da pandemia nas familias máis vulnerables".

A contía da axuda que recibirán os adxudicatarios será de ata 300 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder o importe da renda do contrato de alugueiro ou da mensualidade do préstamo hipotecario. Concederase durante un período máximo de tres meses, podendo ter efectos retroactivos desde xaneiro de 2021. As bases ao completo poden consultarse en https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/06/04/2021_0000004681.pdf

O prazo para presentar as solicitudes finalizará o 10 de xullo e poderá facerse de xeito telemático a través da sede electrónica municipal ou presencial no Rexistro, solicitando cita previa.

Máis de 100.000 euros para políticas sociais no municipio

A través do Fondo Social do Plan Único, o Concello de Bergondo recibe este ano 108.925,28 euros para reforzar as políticas sociais municipais e facer fronte ás consecuencias orixinadas pola COVID-19.

Durante a súa visita Ana Lamas tamén deu conta dos outros usos aos que Concello de Bergondo dedica este financiamento, como pode ser o programa 'Universo Diverso', unha iniciativa de ocio dirixida a persoas con diversidade funcional, ou o reforzo do persoal administrativo de Servizos Sociais onde proximamente se incorporará unha persoa máis de xeito temporal.

Lamas destacou que o Plan Único "adquire este ano unha nova dimensión social para non deixar a ninguén atrás na saída da crise da Covid-19" e explicou que o Fondo Social do POS+ distribúe este ano 14 millóns de euros para financiar programas sociais en todos os concellos da provincia.

Páxinas suxeridas