Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña colabora na XVIII Edición do Ciclo de Lied de Santiago
Páxinas suxeridas
As tradicións francesa, alemá e eslava protagonizan os concertos que se desenvolverán o 18, 25 e 26 de setembro ás 20.30 horas

A Deputación da Coruña colabora na XVIII Edición do Ciclo de Lied de Santiago

11 de Setembro de 2017

"Cantigas de outono" é o título da XVIII edición do Ciclo de Lied que se celebra este mes de setembro en Compostela que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña. Organizado polo Concello de Santiago coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, o certame inclúe tres concertos, os días 18, 25 e 26 de setembro, todos eles ás 20.30 h no Teatro Principal. As entradas para cada un dos recitais teñen un prezo de 8 euros (cos descontos habituais) e o custo do abono do ciclo completo é de 18 euros. Á venda no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, participou, xunto coa concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, o presidente de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro, e o secretario da Asociación, José María Miranda na presentación do programa do XVIII Edición do Ciclo de Lied de Santiago.

Goretti Sanmartín destacou a excelente traxectoria deste certame que, dixo, ten acadado un público xa consolidado e unha programación que leva anos sendo referencia para a cidadanía compostelá. A vicepresidenta e responsable da Área Cultural da Deputación da Coruña, puxo en valor a perfecta combinación de literatura e música, que amosa a potencia cultural dunha cidade que sempre tivo a cultura como referente e selo de identidade nunha estación como é o outono de especial relevancia da programación cultural no concello.

A concelleira Marta Lois destacou a colaboración das entidades organizadoras e a calidade da programación do ciclo que "contribúe enormemente á aposta compostelá pola música erudita".

Foi o secretario da asociación, José María Miranda, o encargado de detallar o programa da presente edición. Se o ano pasado, eran os lieder galego, catalán e vasco os protagonistas do programa, nesta ocasión o ciclo afonda na tradición liederística francesa, alemá e eslava. Así, a 18 edición do certame homenaxea a Guillaume Apollinaire no 99 aniversario da súa morte, a través das composicións que a súa figura inspirou a Honegger e Poulanc; visita o Cancioneiro Italiano de Hugo Wolf, unha das obras fundamentais no repertorio de Lied alemán de finais do século XIX; e volve a mirada ao Leste de Europa nun recital coas composicións que autores como Chopin, Mussorgski, Rimski-Korsakov, Chaikovsi ou Rachmaninov, realizaron neste xénero. Grandes compositores que congregan arredor da dirección e interpretación das súas obras, a figuras tamén grandes, como o director Rafael Villalobos, ou a soprano Anna Lucia Richter.