Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O Teatro Colón achega a cultura cubana á Coruña con tres espectáculos
Páxinas suxeridas
O Ballet de Cuba, Camagüey, e os concertos de Roi Casal e Luís Emilio Batallán con Pablo Milanés, entre as vindeiras citas

O Teatro Colón achega a cultura cubana á Coruña con tres espectáculos

23 de Xaneiro de 2018

A danza e a música cubana serán as protagonistas da programación do Teatro Colón durante as vindeiras datas coa celebración dos concertos "Son galego, son cubano" de Roi Casal, a actuación de Luis Emilio Batallán con Pablo Milanés como artista invitado e o espectáculo de danza "Carmen", da compañía de Ballet de Cuba, Camagüey.
O vindeiro xoves 25 de xaneiro, as táboas do Colón acollerán dende as 20:00 horas o espectáculo de danza "Carmen" interpretada polo compañía de Ballet Clásico Camagüey. Con música de Bizet e Radio Tarifa, esta compañía formada na máis pura tradición da Escuela Cubana polo mestre Fernando Alonso, representará unha versión de "Carmen" actual, independente e sensual, sendo unha das primeiras paradas deste espectáculo que xirará por boa parte do Estado español durante o ano 2018.
Coa chegada do mes de febreiro, os sons cubanos entrarán en escena da man do músico e compositor Roi Casal, co espectáculo "Son galego, son cubano". Un show musical presentado no Gran Teatro da Habana en maio de 2016 coa celebración de dous memorables concertos, nos que as letras de Neira Vilas e a interpretación dos mellores músicos de Cuba e Galicia, foron quen de xuntar a máis de 60.000 persoas dende a data da súa estrea. Porén, a cita no Teatro Colón o vindeiro día 3 de febreiro ás 20:00h, é ineludible para aquelas persoas que queiran gozar da mistura dos sons e das melodías destas dúas terras irmandadas historicamente.
Ademais, o aroma cubano regresará ao teatro herculino o día 16 de febreiro co concerto de Luis Emilio Batallán e Pablo Milanés, que interpretarán diferentes cancións que xa forman parte do maxín musical galego, como é o caso de Ahí ven o Maio ou Quen poidera namorala. Entre anécdotas e experiencias vitais Batallán e Milanés artellarán unha viaxe sonora galaicocubana na que os dous artistas que deixarán patente unas das moitas cousas que comparten, como é o seu amor por Galicia.
Alén dos eventos vinculados á illa caribeña, o teatro Colón da Coruña completa a súa oferta para as vindeiras semanas coa representación das obras teatrais: "A noiva de don Quixote", "Camiños", "Muiñada" e "Outono" –as dúas últimas destinadas ao público infantil, o concerto "Suite das oito" de Quinito Mourelle, Roberto Somoza e Rogelio Groba, e o recital "Episodios dunha vella"(Teatro Casahamlet), no que o actor, Santiago Fernández, e máis o músico Sergio López interpretan diversas pezas do poemario do artista galego, Luis Seoane.
Poden consultar máis información e adquiriren as entradas para estes espectáculos na seguinte ligazón:
http://www.teatrocolon.es/es/