Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A poesía de Luís Seoane chega ao Teatro Colón co recital-concerto “Episodios dunha vella historia”
Páxinas suxeridas

A poesía de Luís Seoane chega ao Teatro Colón co recital-concerto “Episodios dunha vella historia”

24 de Xaneiro de 2018

A produción poética de Luís Seoane chegará o vindeiro día 26 de xaneiro (20:30H) ao Teatro Colón da Coruña da man do actor Santiago Fernández e o músico Sergio López, nun recital-concerto que presenta unha das facetas máis descoñecidas do intelectual galego.
A poesía dun dos máis importantes impulsores da cultura galega do século XX chega ao Teatro Colón, da man do Estudo de Teatro Casahamlet, a Fundación Luis Seoane e a área de Cultura da Deputación da Cultura. En Episodios dunha vella historia mestúranse versos e a música que revelan a profundidade que posúe a lírica de Seoane.
Recoñecido debuxante, pintor, gravador e ensaísta, os versos de Luis Seoane proxectan a dimensión menos coñecida dunha das figuras máis comprometidas coa cultura e máis a sociedade galega, malia ter publicado tres poemarios na década dos cincuenta, como O Fardel do d'eisilado (Ed.Anxel Casal), Na brétema, Sant-Iago(Ed.Botellas al Mar) e As cicatrices (Ed.Citania).
Mediante unha precisa escolma de 18 textos, extraídos das obras Fardel d'esilado, Na brétema Sant-Iago e A maior abondamento, o actor Santiago Fernández e o músico Sergio López, encárganse de artellar un espectáculo poético no que a figura de Seoane transcende a súa xenialidade como creador gráfico para abordar a súa pegada como poeta.
O actor e director do Estudo Teatro Casahamlet, Santiago Fernández subliñou que o recital do vindeiro venres representa "unha reivindicación do Luís Seoane poeta", un percorrido pola súa obra literaria que se "viu desbordada e tapada pola súa xenialidade pictórica".
Fernández sinalou que durante os 60 minutos de duración do espectáculo, o público asistente vaise atopar cun traballo que "ademais de entreter tamén o fará reflexionar sobre a realidade da emigración galega pasada e presente", ao tempo que descobre "unha poesía carente de metáforas, dura e urxente" sobre a emigración. E é que, parafraseando ao xenial pintor "Luís Seoane escribía poemas sobre aquelas cousas que non era quen de expresar cos pinceis".

Nado en Bos Aires no ano 1910, e fillo de emigrantes galegos, Luís Seoane retornou á terra de seus pais no ano 1926, no obstante, tan só dez anos despois vese obrigado a voltar á Arxentina, após do golpe fascista que desencadeou a Guerra Civil Española. Así, dende o país que o viu nacer,
Seoane denunciará a inxustiza que afrontan as persoas obrigadas o desterro, presentando os dramas e a realidade que derivan dos movementos migratorios.
A entrada ao recital-concerto "Episodios dunha vella historia" é de balde, previa retirada dos tickets na billeteira do Teatro Colón ou na web de Ataquilla.
Poden consultar máis información na seguinte ligazón:
http://www.teatrocolon.es/es/