Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña convida aos centros de ensino a participar no programa escolar do Teatro Colón
Páxinas suxeridas
Programa unha oferta escénica baseada na calidade, dirixida ao alumnado dos centros de primaria e secundaria de toda a provincia

A Deputación da Coruña convida aos centros de ensino a participar no programa escolar do Teatro Colón

30 de Xaneiro de 2018

O programa escolar de artes escénicas do Teatro Colón bota a andar este mércores coa obra A Noiva de Don Quixote, de Emedous Producións. Catro propostas farán chegar o teatro galego ao alumnado nunha iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Este mércores 31 de xaneiro comeza o programa escolar de artes escénicas 2018 da área de Cultura da Deputación da Coruña, un ciclo de actividades gratuítas dirixidas ao alumnado dos centros de educación primaria e secundaria da nosa provincia.

Nesta nova campaña escolar, a Deputación mantén e reforza un programa que pretende achegar o teatro aos públicos máis novos, formándoos e convidándoos a participar dunha oferta escénica de calidade e con contidos vinculados á nosa cultura e ao traballo en valores, a cohesión social ou o respecto á diversidade.

"O obxectivo é achegar o teatro ao público novo e tamén, por outra parte, achegar novo público ao teatro. Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña comprácenos que o alumnado coñeza un espazo extraordinario como é o Teatro Colón e que sexa coa nova produción cultural escénica galega", explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

A través de diferentes espectáculos teatrais, o Teatro Colón convértese outra vez nunha parte da formación, para ofrecer unha programación dirixida ao alumnado máis novo. O ciclo convida aos centros escolares da provincia a asistir a obras de recoñecidas compañías de teatro galegas, como:

  • A Noiva de Don Quixote de Emedous (mércores 31 de xaneiro), onde, con humor, ironía, emoción e descrenza, Dulcinea do Toboso rebélase contra a personaxe que Cervantes lle atribuíu na novela.
  • #Camiños, de ButacaZero (venres 9 de febreiro), unha reflexión teatral sobre o que significa Galicia no século XXI e os tópicos que nos representan, onde conviven a música folk coa electrónica e os selfis cos sachos.
  • Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira, de Mofa e Befa (venres 13 de abril), a nova proposta de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira na que se enfrontan á dúbida de como dar continuidade aos seus vinte e cinco anos de traxectoria.
  • Bicos con lingua, de Talía Teatro (xoves 26 de abril), un espectáculo que nace dun forte sentimento de amor cara a algo tan propio como é a nosa lingua.

Todos os espectáculos son gratuítos. Para calquera información ou reservas, a Deputación da Coruña pon á disposición dos centros escolares o seguinte enderezo electrónico comunicacion.colon@dacoruna.gal.