Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña destina máis de dous millóns de euros ás áreas de cultura dos concellos
Páxinas suxeridas
Máis de un millón ten como obxectivo a contratación de persoal especializado

A Deputación da Coruña destina máis de dous millóns de euros ás áreas de cultura dos concellos

06 de Febreiro de 2018

Máis de dous millóns de euro é o orzamento que a área de Cultura da Deputación destina aos concellos, tanto para a contratación de persoal técnico así como para o mantemento de conservatorios, escolas de música e danza e organización de festivais.

A área de Cultura da Deputación promove neste ano catro convocatorias en concorrencia competitiva de colaboración cos concellos para a mellora da acción cultural. Á xa publicada de apoio á contratación de persoal técnico e de animación sociocultural súmanse agora a de contratación de persoal para a atención de museos e centros de interpretación e tamén as destinadas ao apoio a festivais,e o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais que saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia deste martes día 6 de febreiro.

En total, son máis de dous millóns de euros os que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina aos concellos en catro convocatorias de concorrencia competitiva cunha distribución que se realiza con criterios obxectivos. Máis de un millón diríxese á contratación de persoal, ao sumar agora 400.0000 € da convocatoria para persoal técnico para a atención de museos e centros de interpretación aos 750.000 de persoal técnico da área de Cultura e animación sociocultural xa publicada con anterioridade.

Desta maneira, a contratación laboral é un dos obxectivos prioritarios da área de Cultura da Deputación da Coruña que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei. "Desde a Deputación da Coruña estase a facer un esforzo importante pola profesionalización do sector e pola contratación de persoal técnico que mellora ás prácticas de xestión nas áreas municipais. Esta liña de traballo complétase co apoio á formación e o recoñecemento das boas prácticas na xestión cultural dos proxectos, en especial, nos propios concellos", explica Goretti Sanmartín Rei para quen, concretamente a convocatoria publicada hoxe mesmo, "supón tamén unha mellora clara na organización, funcionamento e atención ao público nos museos e centros de interpretación dos concellos".

Aos concellos destínase tamén 550.000 euros co obxectivo de apoiar o desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas que se sumarán á convocatoria dirixida aos organizados por entidades, convertendo a Deputación da Coruña na institución que máis esforzo destina a organización destes eventos.

Festivais como Cineuropa, Rock in Cambre, Festival Carballo Interplay , Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón, Festival Desordes Sonoras, Mostra de Teatro de Cariño, Traz outro amigo Também de Cedeira, Fartar de Arteixo ou Val de Rúa de Betanzos son algúns dos vinte e cinco beneficiarios na anterior edición da liña de axudas para concellos en concorrencia competitiva seguindo criterios obxectivos como traxectoria, impacto social, número de edicións ou presenza de grupos, bandas e producións galegas.

Finalmente, a área de Cultura publica tamén a convocatoria destinada ao mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais para o que reserva un total de 360.000 € co obxectivo de contribuír ao apoio da formación artística nos concellos. "Son parte fundamental do acceso á cultura como centros dinamizadores para o alumnado mais tamén para a contorna e supoñen tamén a posibilidade de facilitar a formación artística tamén en concellos pequenos e medianos que, doutra maneira, terían moito máis difícil a posibilidade de ofrecer ensino artístico", defende Goretti Sanmartín.

As convocatorias foron publicadas no BOP deste martes 6 de febreiro.