Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Valentín González Formoso destacou a persoal capacidade humorística do artista ferrolán, cuxas viñetas ilustraron o acontecer social e político de Galicia durante as últimas décadas
Páxinas suxeridas

A Deputación presenta en Ferrol un libro sobre a traxectoria artística de Siro López

08 de Febreiro de 2018

O Ateneo Ferrolán acolleu esta tarde a presentación do libro "Siro", unha monografía de 383 páxinas editada pola Deputación da Coruña na que se repasa, a través de textos e ilustracións, a ampla traxectoria biográfica e artística de Siro López.

O acto contou coa asistencia do presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, do seu homólogo do Ateneo Ferrolán, Luis Calvo, do artista Pedro Taboada, que se encargou da coordinación do volume, así como do propio Siro e de numerosas personalidades do mundo da cultura, a arte, a política e o xornalismo da cidade naval que non quixeron perder esta cita cun dos nosos artistas contemporáneos máis versátiles.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o volume, editado en gran formato ao igual que a colección Grandes Pintores, servirá para dar a coñecer as numerosas facetas cultivadas por Siro ao longo da súa dilatada traxectoria profesional: xornalista, guionista, escritor, ilustrador e pintor.

"As caricaturas de Siro forman parte da nosa vida, pois ilustraron a actualidade social e política de Galicia durante as últimas décadas", afirmou González Formoso, que destacou a "característica retranca" e "o agudo sentido do humor" do artista ferrolán, así como a súa capacidade para afondar coas súas viñetas nas cuestións máis relevantes e "anticiparse moitas veces aos titulares".

O artista ferrolán Pedro Taboada, encargado da coordinación da obra, repasou a traxectoria biográfica de Siro dende os seus inicios, coas caricaturas que debuxaba aos seus compañeiros de traballo en Bazán, e lembrou que a súa primeira viñeta publicouse na revista ferrolá "Chan".

A partir de aí xurdiron as oportunidades para que o mozo Siro realizara guións para Radio Popular de Ferrol e a súa primeira ilustración nun libro de Xavier Alcalá. Despois chegaron as caricaturas nos xornais, primeiro en Ferrol Diario (1971), en El Ideal Gallego e finalmente en La Voz de Galicia, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional entre 1985 e 2006.

A través de distintos capítulos e ilustracións, o libro repasa a traxectoria biográfica e profesional de Siro López: a súa nenez no barrio ferrolán de Esteiro, os primeiros debuxos, o descubrimento do humor, o seu compromiso político ou as súas facetas máis descoñecidas para o gran público como pintor e escritor.

O volume complétase con artigos nos que relevantes persoeiros da cultura, a política e o xornalismo como Domingo García-Sabell, Basilio Losada, Ramón Piñeiro, Santiago Rey Fernández-Latorre, Bieito Rubido, Xosé Ramón Barreiro ou Francisco Vázquez, entre outros, dan a súa particular visión acerca de Siro.