Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A biblioteca da Deputación propón unha festa de temática india para que os nenos e nenas celebren o Entroido
Páxinas suxeridas
O vindeiro luns, 12 de febreiro, 20 rapaces e rapazas aprenderán a elaborar os seus disfraces e a construír un poboado indio, onde celebrarán a xornada con lendas, cancións e xogos

A biblioteca da Deputación propón unha festa de temática india para que os nenos e nenas celebren o Entroido

09 de Febreiro de 2018

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, dentro da súa programación especial para o Entroido, celebrará o vindeiro luns, 12 de febreiro, unha festa de temática india para nenos e nenas a partir de 7 anos.

No evento, que terá lugar entre as 18 e as 20 horas na Sala Manuel López, participarán un total de 20 rapaces, que realizarán conxuntamente un poboado indio composto por tipis, as tendas de forma cónica que utilizaban como vivenda moitos pobos nativos de Norteamérica. Tamén haberá un obradoiro no que os nenos e nenas aprenderán a facer eles mesmos o seu disfraz.

A xornada continuará con lendas, cancións e diversos xogos, todos eles inspirados nas costumes típicas dos indios americanos.

Exposición de material bibliográfico

Por outra banda, a Biblioteca provincial tamén organiza, durante todo o mes de febreiro, unha exposición sobre o Entroido e a súa representación na literatura tanto en Galicia como en diferentes partes de España e do mundo.

O obxectivo desta exposición é dar a coñecer algunhas pinceladas sobre a historia do Entroido e como se celebra en distintas partes do mundo, especialmente en Galicia. Asemade, tamén se pretender achegar aos coruñeses algúns dos materiais máis interesantes que a colección da Biblioteca da Deputación provincial posúe sobre esta festa. Entre estes materiais, os máis abundantes son os libros, pero tamén se expoñen ilustracións, partituras e outros elementos destacados dos fondos provinciais.

A visita a esta exposición é gratuíta e pode realizarse no horario da biblioteca, de 8.30 a 20.00 horas de luns a venres e os sábados de 9.00 a 14 horas.