Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña cofinancia a adquisición dunha colección de obras de Carlos Maside
Páxinas suxeridas
O Pleno aprobará na sesión deste venres unha partida de 215.363,50 €, que se achegarán ao convenio co Consorcio

A Deputación da Coruña cofinancia a adquisición dunha colección de obras de Carlos Maside

22 de Marzo de 2018

O Pleno da Deputación da Coruña comprometerá na sesión deste venres unha partida de 215.363,50 € con destino á adquisición de 21 obras do pintor Carlos Maside, a maior parte delas óleos sobre lenzo. A achega da Deputación representa o 50% do custo total da obra. O seguinte paso será a aprobación do convenio da institución co Consorcio de Santiago de Compostela para facer efectiva a operación.

O conxunto de obras que serán adquiridas pola Deputación da Coruña máis o Consorcio de Santiago constitúe un valioso legado artístico, actualmente en propiedade da súa familia. A Deputación da Coruña destinará un total de 215.363,50 € á adquisición desta colección composta por vinte e unha obras do pintor que están taxadas, segundo a valoración das obras realizadas polos servizos técnicos, en 430.727 €. A outra metade do orzamento será achega do Consorcio de Santiago de Compostela con quen a Deputación asinará un convenio de colaboración que será aprobado nun vindeiro pleno.

A colección particular de obra de Carlos Maside (San Xulián, Pontecesures, 1897 – Compostela, 1958) inclúe obras de referencia na traxectoria artística do autor como poden ser os óleos "Mercado" (1950), "Muller sentada" (1930), "Paisaxe de Compostela" (1931), "Tenda" (1933), "Cacharreira" (1942) ou "Lavandeiras" (1953). Emblemático é tamén o seu autorretrato do artista de 1937 , un pastel sobre papel que pasará a formar parte do acordo da Deputación e o Consorcio. O conxunto de obras da familia de Maside que será obxecto da compra institucional inclúe ademais gouaches como "Dúas paisanas" e "Xardas" e lapis e pasteis da primeira metade dos anos corenta como "A nena do libro", "Dúas nenas", "Nena coa man no peito" ou "Arrolando a moneca". Temporalmente, a obra está enmarcada na traxectoria que limita a "Muller sentada" de 1930 e "Lavandeiras" de 1953.

A obra ficará, grazas a este acordo, na cidade de Santiago de Compostela, como era desexo do propio autor, que tiña o seu estudo na Rúa do Vilar de Santiago, nunha época en que se converteu en figura clave da intelectualidade galega do seu tempo. Carlos Maside é, sen dúbida, un dos principias nomes da renovación da pintura galega a partir dos anos trinta con outras figuras como Colmeiro, Arturo Souto ou o propio Luís Seoane.

Contra o que aconteceu coa maior parte da súa xeración artística, Carlos Maside non marchou para o exilio, mais viviu a represión que intentou silenciar a súa obra e o seu traballo. Durante o franquismo padeceu a inhabilitación para o seu oficio de profesor e foi tamén impedido de poder participar en actividades culturais.

Con este compromiso da Deputación da Coruña será posíbel recuperar para o ámbito público un legado que contribuirá a un maior coñecemento deste artista plástico, fundamental na historia cultural galega