Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O Teatro Colón acolle a estrea da comedia “Estás aí?” protagonizada por Isabel Risco e Xúlio Abonjo
Páxinas suxeridas
Redrum Teatro inicia a xira da obra os días 14 e 15 de abril na Coruña

O Teatro Colón acolle a estrea da comedia “Estás aí?” protagonizada por Isabel Risco e Xúlio Abonjo

09 de Abril de 2018

A área de Cultura da Deputación da Coruña presentou está mañá en rolda de prensa a estrea da obra teatral "Estás aí?", unha delirante comedia que narra as vivencias e os desencontros habituais que se producen nas parellas empregando o humor como fío condutor. Dirixida por Alex Sampayo, e protagonizada por Isabel Risco e Xúlio Abonjo, o novo espéctaculo de Redrum Teatro estrearase o vindeiro día 14 de abril (20:00 horas) sobre as táboas do Colón.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín sinalou que esta obra ratifica a intención da Deputación da Coruña de "traer até o Colón o máis relevante do que se fai en Galicia nos mundos da música, do teatro, do audiovisual e de todas as artes escénicas", e engadiu que a obra "proxecta unha mensaxe que permite reflexionar por medio do humor sobre os encontros e desencontros que se producen na vida cotiá das parellas".

Pola súa parte, o director da comedia, Alex Sampayo, destacou que con Estás aí? "garántense 80 minutos de risa", pois ademais da calidade que posúe este texto orixinal de Javier Daulte "a obra está protagonizada por dous dos mellores actores que hai en Galicia", en alusión a Isabel Risco e Xúlio Abonjo.

Así mesmo, Sampayo adiantou que a cita no Colón é a primeira das 13 actuacións que ten confirmadas o espectáculo até o de agora en diferentes concellos, unha cifra, expresou "que agardamos incrementar tras a súa estrea".

A actriz Isabel Risco amosouse ilusionada coa posibilidade de estrear a obra no Teatro Colón, ao tempo que ironizou sobre que "estamos ante unha comedia romántica algo diferente, non vos asustedes, pero é diferente".

Nesta mesma liña, o protagonista de "Estás aí?", Xúlio Abonjo, insistiu en que "esta é unha comedia de amor fantasmagórico". Unha obra que "se afasta do carácter empalagoso" que adoita caracterizar as pezas do xénero romántico pero que, ao tempo, confirma que "o humor tamén permite reflexionar dun xeito serio sobre o amor".

Ideada polo dramaturgo e director de teatro arxentino, Javier Daulte, a comedia "Estas aí?" estreouse no Teatro Nacional Cervantes de Bos Aires en febreiro do ano 2004, conseguindo dende a súa estrea numerosos galardón e premios. A comedia narra os desencontros dunha parella que se muda a un novo apartamento no que se atoparán cun persoeiro invisible que lles fará chegar á desesperación coas súas trasnadas. Así, esta situación faralles reflexionar como é a realidade da súa relación e cuestionar o seu amor.

Estás aí? é o noveno espectáculo da compañía teatral teense "Redrum Teatro", que desde o ano 2009 vén desenvolvendo os seus traballos polos principais escenarios do país coa clara intención de ofrecer alternativas que contribúan ao desenvolvemento da industria teatral galega.

Máis información:

Cartel "Estás Aí?"
Fotografía "Estás Aí?"
Video Promocional "Estás Aí?"
Dossier "Estás Aí?"