Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A institución provincial colabora coa Agrupación Artística 'Meninas de Canido' para unha nova intervención artística que se levará a cabo no barrio de Ferrol Vello
Páxinas suxeridas
O proxecto combina o audiovisual, a pintura, a música, a fotografía... co obxectivo de conseguir que os peregrinos que actualmente chegan a Ferrol fiquen na cidade e fagan turismo

A Deputación achega 30.000 euros ao desenvolvemento do proxecto 'A primeira milla do Camiño Inglés'

09 de Abril de 2018

A Deputación da Coruña ven de aprobar no pleno a concesión dunha subvención de 30.000 euros destinados á colaboración coa Agrupación Artística 'Meninas de Canido' para a realización do proxecto 'A primeira milla do Camiño Inglés' no barrio ferrolán de Ferrol Vello.

A intervención a nivel urbanístico que se levará a cabo neste mítico barrio de Ferrol xurde como unha necesidade vital debido ao estado de abandono e deterioro no que se atopa.

O seu principal promotor é o artista ferrolán Eduardo Hermida, coordinador e director, entre outras obras, das exitosas Meninas de Canino, convertidas a día de hoxe nun referente turístico da cidade. "Este proxecto nace despois do rexurdir da cidade grazas ao éxito das 'Meninas de Canido', que a través da arte, conseguiron xerar esperanza para un Ferrol necesitado. Con este novo proxecto, búscase facer o mesmo no barrio de Ferrol Vello, un lugar moi importante do Camiño Inglés e visitado por un gran número de peregrinos. A través da arte queremos intervilo e dotalo de alegría e cor, para concienciar á xente de que non pode ser abandoado á súa sorte", recoñece Eduardo.

Precisamente, conseguir que os peregrinos fiquen na cidade é un das finalidades deste proxecto. Neste sentido, Eduardo afirma: "Combinarase o audiovisual, a pintura, a música, a fotografía... co obxectivo de conseguir que esa peregrinaxe que actualmente chega a Ferrol pero que automaticamente é trasladada a Coruña ou Santiago, se quede na cidade e faga turismo".

O proxecto aproveita o Camiño de Santiago como soporte para a súa creación. Ademais servirá como referente estético a unha ruta que comeza a ser unha alternativa ao camiño convencional diferenciando e valorando a arte como vehículo de comunicación entre as diferentes culturas. Cos peregrinos como principal obxectivo, Eduardo Hermida afirma que tratarán "que a autoridade portuaria ofreza o documento da cuña compostelá a modo simbólico" e sumar así un novo aliciente para comezar a peregrinaxe en Ferrol.

Peixes e lapis

En canto á intervención, está prevista a alteración dos espazos degradados sen alterar a morfoloxía do propio barrio. Concretamente, farase referencia á fábrica de lapis Hispania, co seu xefe de taller Johann Sindel como principal protagonista, e ás festas da Parrocheira que se celebran no barrio cada mes de setembro. Para cumprir co obxectivo utilizarase unha capa de arte para enmascarar a decadencia e conseguir o atractivo estético que faga do Camiño de Santiago, un inicio ilusiónante e orixinal totalmente diferente ás alternativas actuais.

"Vamos levar a cabo dúas intervencións de arte contemporáneo centrados en xogar con elementos do propio barrio, en concreto cos peixes e cos lapis. Realizaranse ilustracións utilizando diferentes collages e deixando atrás os grafitis. Será unha forma diferente de arte urbano. Ademais, buscarase recuperar a casa do artista ferrolán Ricardo Carballo Calero, situada en Ferrol Vello e que actualmente está en ruínas", explica Eduardo.

Sen dúbida, as 'Meninas' tiveron unha incidencia directa na rexeneración do barrio de Canido e son xa un referente do turismo ferrolán. Na mesma liña, agárdase que a intervención que se propón en Ferrol Vello convértase noutro referente cultural e turístico nacional e internacional.

Esta obra encádrase nun ambicioso proxecto no que se expoñen posibles intervencións noutros pobos ou vilas polos que transcorre o Camiño cunha sinalización personalizada que faría recoñecible esta 'primeira milla' polos 100 kilómetros do traxecto.