galego | castellano
: Servizos sociais : Área de Igualdade : Premios e concursos : Concurso de guións contra a violencia de xénero : 2016

Características

Considérase necesario o apoio institucional para alcanzar a igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes na sociedade, xa que é unha responsabilidade da cidadanía traballar conxuntamente para lograla. Por este motivo dende a Deputación Provincial da Coruña quérese xerar reflexión e conciencia na mocidade, xa que son un vehículo de transmisión e motor do cambio e do futuro, ademais de fomentar a súa participación nunha actividade creativa de sensibilización a través da edición dun guión, dedicado a concienciar a poboación, en xeral, dos motivos polos que debemos xuntar os nosos esforzos para combater a violencia de xénero e erradicar esta lacra social.

O obxecto do certame é elaborar un guión de curtametraxe a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia de xénero. Preténdese que a través da elaboración do guión a poboación adolescente cree debate, mobilización, fomente a súa creatividade mentres reflexionan sobre a importancia de combater e denunciar a violencia de xénero e, así mesmo, a través do guión expoñan os motivos polos que se deben xuntar esforzos para combater esta lacra social.

Así mesmo, o obxecto do concurso procura a participación e compromiso da comunidade educativa como piar necesario para guiar e orientar no proceso de creación.

Paralelamente o concurso promove o traballo en equipo, así como a aprendizaxe do medio audiovisual.

Poderán participar todas as persoas físicas con idades comprendidas entre 12 e 18 anos, que cursen educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou outro tipo de formación análoga, de calquera nacionalidade, que se presenten individualmente ou preferentemente en grupo (máximo 6 participantes por grupo), supervisados e titorizados por persoal docente do centro público de estudos ao que se adscribe, pertencentes á provincia da Coruña,e apoiados pola Dirección do centro.

Cada participante/s só poderá presentar un único guión orixinal e inédito, non premiado con anterioridade.

Non poderán participar as persoas gañadoras en edicións anteriores.

Empregará a lingua galega e a perspectiva de xénero. 

O premio concederase ao mellor guión onde se combinen aptitudes artísticas e creativas do alumnado na creación dun guión creativo, con impacto social e potencialidade audiovisual, orixinal e non publicado que en tan só uns minutos pretenda concienciar a poboación, en xeral, dos motivos polos que debemos xuntar os nosos esforzos para combater a violencia de xénero e erradicar esta lacra social.

Para máis información: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2016/11/07/2016_0000009117.pdf