galego | castellano
: Servizos sociais : Área de Maiores

Cesión locais A Milagrosa

CESIÓN DAS INSTALACIÓNS DO CENTRO XERONTOLÓXICO "A MILAGROSA"

A Deputación da Coruña, en liña coas políticas deseñadas no Plan xerontolóxico nacional, en concreto a de fomentar a creación de servizos sociais para persoas maiores enfermas e dependentes, e tendo en conta as características demográficas da provincia (elevado índice de envellecemento co conseguinte requirimento de servizos socio-sanitarios adecuados) acordou en 1998, mediante concurso público e prego de condicións, facer cesión do uso de parte das instalacións do antigo Colexio-fogar "A Milagrosa" (Servizo social de atención a menores precisados de tutela e protección, en consonancia coas vellas competencias provinciais que determinaba a anterior lexislación ).

Ao pasar a competencia sobre menores á Xunta de Galicia, o centro foi amortizando prazas ata a súa total extinción, polo que resultaba adecuado encontrar un novo destino ao edificio, no campo dos servizos sociais que actualmente suscitan maior demanda, como son os solicitados polo sector de maiores dependentes, servizos actualmente en auxe e crecemento, á vez que resultan creadores de emprego xa que precisan para o seu funcionamento de diversos profesionais cualificados.

Resolto o concurso, e adxudicada a cesión de uso das instalacións provinciais á Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados (UDP) da Coruña, asinouse o 17 de xuño de 1999, un convenio entre a Deputación e a citada asociación para establecer as condicións da cesión e as implicacións de cada parte.

A Deputación comprometíase non só á cesión temporal de uso das instalacións, situadas nunha parcela de 800 metros cadrados, senón tamén a entregalas coas reformas e adaptacións pertinentes e necesarias para adecualas ao fin a que se destinaban. A remodelación do edificio cedido, que consta de baixo e dúas plantas, importou para a Deputación un investimento de preto de 88.000.000 de pesetas.

Para a posta en marcha do Centro a Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados da Coruña (UDP) contou con valiosas colaboracións dos seguintes organismos e entidades, público e privadas, como eficaz mostra de participado social :

  • Xunta de Galicia .
  • Universidade da Coruña.
  • CESGA.
  • Deputación Provincial da Coruña
  • Fundación Pedro Barrié de la Maza.
  • Obra Social de Caixa Galicia

Para máis información dirixirse a:

www.centrolamilagrosa.org