galego | castellano
: Servizos sociais : Área de Voluntariado Social : Proxecto Activex

Descrición do proxecto

1. DESCRICIÓN DO PROXECTO

O voluntariado é cada vez máis recoñecido como unha moi valiosa experiencia de aprendizaxe informal, para as persoas de todas as idades. En particular, recoñécese coma unha nova forma de ofrecer oportunidades de aprendizaxe á terceira idade en Europa, promovendo o proceso de envellecemento activo.

A Deputación da Coruña ten ampla experiencia traballando con persoas destes grupos a través de numerosos proxectos cofinanciados polo Fondo Social Europeo tales como INSERTA, INSERTAMOS, PROXIMITAS, PROXIMITAS PLUS OU REDE XIANA. Estes proxectos están dirixidos principalmente a favorecer a inclusión social das mulleres, das persoas maiores de 45 anos, das persoas desempregadas de longa duración, da xuventude, dos colectivos minoritarios, etc.

En canto á entidade do Reino Unido, CSV/RSVP, é unha organización creada para promover e desenvolver o voluntariado de persoas maiores de 50 anos. As catro áreas principais de actividade son: voluntariado nas escolas, saúde e proxectos de atención social, proxectos de patrimonio e medio ambiente e arte e artesanía.

Dito intercambio de voluntariado europeo pretende que as persoas voluntarias sénior desenvolvan diferentes proxectos de voluntariado en relación con distintas temáticas, dentro da acción social; como forma de estimular as potencialidades das persoas maiores, tanto a nivel persoal como formativo.

Desta forma, ACTIVEX, permitiralles compartir os seus coñecementos co fin de aumentar as súas habilidades persoais, lingüísticas, sociais e interculturais e contribuír á comunidade como cidadanía activa.

As persoas voluntarias de ACTIVEX serán cidadáns e cidadás maiores de 50 anos.Durante a selección das persoas voluntarias terase en conta a participación equitativa de ambos xéneros.