galego | castellano
: Servizos sociais : Planificación estratéxica : Planificación en igualdade de xénero "Compartimos plan"

Características do proxecto

A Deputación da Coruña, ten como un dos seus obxectivos prioritarios  traballar en favor da igualdade entre mulleres e homes e na loita contra a violencia de xénero. Con esta finalidade  pon en marcha o proxecto COMPARTIMOS PLAN, un traballo  en que se vai realizar  unha diagnose e un plan de acción das políticas de igualdade de xénero a nivel provincial.

Trátase dun proxecto estratéxico cun marcado carácter participativo, co que se pretende chegar e implicar, ademais da administración provincial, aos 93 Concellos, ás entidades e asociacións da provincia da Coruña  sensibilizadas neste senso, e por suposto ao conxunto das cidadás e cidadáns.

OBXECTIVOS

O obxectivo xeral é dotar dun instrumento de planificación estratéxica capaz de articular o conxunto de medidas e accións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades das mulleres e homes da provincia da Coruña.

Como obxectivos específicos se perseguen, entre outros:

 Analizar a situación das políticas de igualdade nos concellos da provincia da Coruña.

 Detectar necesidades a diferentes niveis para a consecución da igualdade real.

 Rexistrar recursos dispoñibles tanto a nivel público como privado.

 Desenvolver o mainstreaming de xénero nas políticas locais.

 Crear dinámicas que potencien o traballo en rede. Propoñer estratexias de traballo en rede para a futura implementación de medidas.

 Establecer liñas e medidas de acción a nivel provincial segundo as competencias da Deputación provincial neste ámbito. 

A duración dos traballos de Compartimos Plan é de 18 meses, período durante o cal se utilizarán diferentes estratexias de comunicación; dípticos, carteis, perfís nas principais redes sociais (Facebook, Twiter e Instagram) e unha web propia www.compartimosplan.com, ferramenta esta última na que poder consultar todas as novas, eventos, os resultados máis destacábeis dos traballos en cada unha das fases do proxecto. 

FASES

Fase 0. Preparación

É unha fase de organización e lanzamento, e comprende todas aquelas actividades que teñen por obxecto crear as condicións favorables para iniciar os traballos de posta en marcha do proxecto. Nesta fase se constituirá a Comisión de Seguimento (CS), elaborarase o plan de comunicación e prepararanse algunhas ferramentas de traballo que se empregarán en fases posteriores, como guións de entrevistas, cuestionarios, etc.

Fase 1. Informativa

Nesta etapa realizaranse todos os traballos enfocados a informar ás entidades locais do proxecto, así como aos diferentes axentes chave en materia de igualdade. Todas estas labores irán encamiñadas a realizar presentacións públicas tanto aos medios de comunicación como aos diferentes concellos a través de presentacións comarcais. Ademais, nesta fase constituirase a Comisión Interdepartamental de Igualdade da Deputación (CIID) para facer transversal o principio de igualdade de xénero nas diferentes áreas da Deputación.

Fase 2. Diagnose

Será a fase na que detectar as necesidades en materia de igualdade de xénero a nivel local e provincial, así como os programas, servizos, recursos. etc. existentes. Así mesmo, incentivarase a participación dos diferentes axentes sociais. Esta fase rematará coa elaboración de diversos documentos, tales como o borrador da diagnose, unha guía de recursos e servizos e unha guía de boas prácticas en materia de igualdade.

Fase 3. Elaboración do Plan de Acción

Nesta fase, ademais de deseñarse o Modelo de Xestión do Plan, traballarase en dous niveis de participación: o comarcal, protagonizado por axentes chave participantes nos foros da fase de diagnose, e o da Deputación Provincial, conformado polas persoas responsables a nivel técnico e político das diferentes áreas, seccións e departamentos da Deputación. Esta fase concluirá coa aprobación do Plan Provincial para a Igualdade de Mulleres e Homes.

Fase 4. Difusión do Plan Provincial para a Igualdade de Mulleres e Homes

Tras a aprobación do Plan, celebraranse 19 presentacións públicas, unha a nivel provincial e 18 a nivel comarcal para dar a coñecer os resultados dos traballos realizados.

METODOLOXÍA

Durante todo o proceso de elaboración de Compartimos Plan, a metodoloxía a seguir será de tipo cualitativo e cuantitativo, apoiándonos en diferentes instrumentos e ferramentas, tales como cuestionarios, entrevistas, foros, presentacións públicas, grupos de traballo, plataforma colaborativa dentro da páxina web, etc. Esta metodoloxía, unida ao plan de comunicación previsto (dípticos, carteis, audiovisual e páxina web) servirá como estratexia para crear sinerxías entre as e os diferentes axentes e fomentar o traballo en rede.