Estás en:Novas

A Deputación e Colexio de Traballo Social de Galicia coinciden na importancia de reforzar os servizos sociais

A deputada de Política Social, Mar García, reuniuse coa directiva do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

García lembra que o apoio da Deputación permite contratar a 179 profesionais dos servizos sociais nos concellos e financiar este ano 411.000 horas de servizo de axuda no fogar

A Deputación e Colexio de Traballo Social de Galicia coinciden na importancia de reforzar os servizos sociais

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, reuniuse na sede da Deputación coa directiva do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, encabezada pola presidenta da entidade, Miriam Rodríguez Sierra, e o coordinador da entidade colexial, David Gontán.

Os representantes da Deputación e do Colexio de Traballo Social analizaron o importante rol que desenvolven estes profesionais no eido social, así como o papel da institución provincial no reforzo dos servizos sociais municipais, os máis próximos á cidadanía, a través do Plan de Servizos Sociais Comunitarios, que nos últimos anos duplicou o seu orzamento, pasando de 4 a 8,7 millóns de euros anuais.

"Isto permitiunos, por exemplo, contratar este ano a 179 profesionais especializados no eido social nos concellos da provincia ou financiar 411.000 horas de servizo de axuda no fogar", explicou a deputada, que destacou o importante papel que desenvolven os profesionais do ámbito social na atención a colectivos especialmente vulnerables como a infancia, mulleres vítimas de violencia de xénero, maiores sen recursos ou persoas con discapacidade.

Desde o Colexio trasladaron á deputada unha serie de propostas para a formación de profesionais no eido social, que Mar García se comprometeu a estudar "porque entendemos que a formación é un aspecto clave para mellorar o servizo que ofrecemos á cidadanía".