Estás en:Novas
Concursos

Concurso #140enpositivo

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña convoca a 12ª edición do concurso "#140enpositivo"

Concurso #140enpositivo

XII CONCURSO "#140ENPOSITIVO" (EDICIÓN 2024)

Coa finalidade de espertar a imaxinación dos lectores e lectoras, animar a compartir as súas creacións, dinamizar a Biblioteca e facer partícipe do concurso ao conxunto da provincia, a Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña convoca a XII edición do seu concurso máis motivador.

Buscamos mensaxes positivas que nos impulsen e melloren no noso día a día, palabras de ánimo e apoio para compartir e animar entre os diferentes grupos de idade. Se queres tomar parte desta marea de positivismo, e tes máis de 9 anos, anímate a participar a través da nosa web ou na propia Biblioteca, escribíndonos esa mensaxe que vai empuxarnos a afrontar a vida dun xeito máis positivo!

Propoñemos 3 categorías:

• Categoría 1: para persoas maiores de 18 anos
• Categoría 2: Xente moza entre 14 e 17 anos
• Categoría 3: Rapazada de 9 a 13 anos

Podes facernos chegar ata un máximo de tres composicións, e lembra que deben ser de creación propia e  inéditas. 

As mensaxes terán unha extensión máxima de 280 caracteres (os espazos contan), e poden estar escritas en galego ou castelán.

Os traballos deben presentarse dun dos seguintes xeitos:
• A través do formulario habilitado, na páxina web da biblioteca www.dacoruna.gal/biblioteca, no apartado de Actividades > Concursos.
• Escribindo as mensaxes nos modelos en papel dispoñibles na Biblioteca, tanto na Sala Xuvenil como no Servizo de Préstamo de adultos, e deixándoas nos buzóns habilitados para iso.

O prazo para a presentación dos traballos será dun mes, e comezará ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.

Premios

De entre todos os traballos presentados seleccionaremos 9 persoas gañadoras, 3 por cada unha das categorías. Os premios consisten en:

- Categoría 1: Máis de 18 anos

      1. Un libro electrónico (1º Premio)
      2. Unha tarxeta agasallo para a compra de libros (2º Premio)
      3. Un lote de produtos promocionais da biblioteca (3º Premio)

- Categoría 2: Entre 14 a 17 anos

      1. Un libro electrónico (1º Premio)
      2. Unha tarxeta agasallo para a compra de libros (2º Premio)
      3. Un lote de produtos promocionais da biblioteca (3º Premio)

- Categoría 3: Entre 9 a 13 anos

      1. Un lote de produtos de escritura e manualidades (1º Premio).
      2. Unha tarxeta agasallo para a compra de libros (2º Premio)
      3. Un lote de produtos promocionais da biblioteca (3º Premio)

*Haberá un pequeno agasallo da Biblioteca provincial para todos os participantes, que se recollerá na Biblioteca.

Anímate a participar e consulta as Bases completas a seguir.

Documentación asociada ao concurso

Formulario de participación

Bases completas do concurso

BOP Bases do XII Concurso "140en positivo" Edición 2024