Estás en:Novas

Reunión da deputada de igualdade, Soledad Agra, coa área de igualdade do Concello de Arzúa

Soledad Agra coñeceu de primeira man as iniciativas desenvolvidas co financiamento da Deputación

A deputada felicitou a concellería e o seu técnico polas moitas actividades postas en marcha

Reunión da deputada de igualdade, Soledad Agra, coa área de igualdade do Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa recibiu a visita da deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Soledad Agra, que se reuniu coa concelleira de Igualdade e Normalización Lingüística, Lucía López e co axente de igualdade para coñecer en detalle as iniciativas que se levan a cabo grazas ao financiamento da Deputación, entre elas o posto de traballo do técnico de igualdade, financiado coa subvención que a entidade provincial lle outorga ao Concello de Arzúa.

Os responsables locais de igualdade trasladáronlle as diferentes accións de sensibilización e promoción de igualdade que se desenvolven no concello. "Un labor fundamental para a poboación comarcal", destacou Soledad Agra, "que ademais se desenvolve en colaboración co CIM e co tecido asociativo e veciñal" apuntou.

A deputada felicitou a concellería e o seu técnico polas moitas actividades postas en marcha, tanto para os escolares dos diferentes centros educativos como para grupos de mulleres, fomentando incluso a formación laboral.

"O traballo dos concellos é moi necesario para fomentar a igualdade de xénero, dende o local, e entre a poboación de diferentes idades". Nese sentido, engadiu, "o concello de Arzúa é un excelente exemplo de traballo colectivo e colaborativo no campo da igualdade e a inclusión".