Estás en:Novas

Os xardíns de Méndez Núñez acollerán o oitavo encontro internacional Acampa pola Paz os días 7, 8 e 9 de xuño

Un memorial pola infancia asasinada en Gaza e a exposición de 8 fotoxornalistas serán dous dos principais reclamos do evento

Trátase dunha proposta que se realiza anualmente desde o ano 2017, convertendo á Coruña nun referente nacional do xornalismo humanitario

Os xardíns de Méndez Núñez acollerán o oitavo encontro internacional Acampa pola Paz os días 7, 8 e 9 de xuño

A deputada provincial, Rosa Ana García, participou esta mañá na presentación da oitava edición do encontro internacional Acampa pola Paz, que terá lugar nos xardíns Méndez Núñez, na cidade da Coruña, os días 7, 8 e 9 de xuño.

Ao acto asistiron tamén o concelleiro do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, e o coordinador de Acampa pola Paz, Xosé Abad.

A deputada provincial, Rosa Ana García, subliñou que a partir do 7 de xuño teremos a oportunidade de saber como é un campo de refuxiados e como se vive nel, así como "participar en diferentes actividades, obradoiros e concertos que nos achegan un pouco máis a unha dura realidade á que non podemos pecharlle os ollos como sociedade".

Acampa pola Paz ten a intención de convidar á cidadanía a reflexionar sobre a situación que enfrontan milleiros de nenos e nenas que permanecen nos territorios de guerra. Trátase dunha proposta que se realiza anualmente desde o ano 2017, convertendo á Coruña nun referente nacional do xornalismo humanitario.

Os xardíns acollerán un memorial pola infancia asasinada en Gaza e un campo simulado de persoas refuxiadas, que será un dous dos polos principais da atracción internacional.

Outro dos epicentros do evento será a exposición de oito fotoxornalistas: Madji Fathi, Ana Palacios, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vincent Tremeau, Rodrigo Abd, Bruno Thevenin e Marta Moreiras.

Tamén están programadas diferentes actuacións musicais e proxeccións de cine, así como varios obradoiros que complementan unha programación extensa e variada.