Estás en:Novas

Os retos dun novo modelo cultural postcovid, a debate en Boiro da man da Deputación da Coruña

Trátase da última xornada deste ano no marco do programa 'A Cultura é un Dereito' e contará coa participación dunha ducia de profesionais de diferentes ámbitos artísticos e sociais e da xestión cultural

Terá lugar este mércores no Centro Social de Boiro, en horario de tarde, e ademais da asistencia presencial tamén se retransmitirá en directo

Os retos dun novo modelo cultural postcovid, a debate en Boiro da man da Deputación da Coruña

O desafío de construír o modelo cultural postpandemia e de camiñar cara un sistema máis sustentable a nivel social, ambiental e económico será o eixe central da xornada "Cultura Sustentable, o reto postcovid". Trátase da última xornada deste ano no marco do programa "A Cultura é un Dereito", que organiza a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de abrir un marco formal de reflexión ligado ao momento de crise aberto tras a aparición da pandemia e atendendo tanto ás necesidades detectadas no sector como a novas demandas da sociedade.

Así, a xornada "Cultura Sustentable, o reto postcovid" terá lugar o mércores 1 de decembro no Centro Social de Boiro e dará comezo ás 16h da man do deputado de Cultura, Xurxo Couto, e do comisario da xornada e técnico cultural, Alberto García. Ambos abordarán a dimensión sustentable da cultura partindo da necesidade de reformular as formas de traballar, tendo presente que a cultura ademais dun recurso económico é un dereito cidadán e que, ademais, debe atender cuestións como o marco da axenda 2030 ou as características e potencialidades propias do sistema cultural galego.

O primeiro bloque de intervencións centrarase na sustentabilidade ambiental e social, coa participación de María Baqueiro, consultora de sustentabilidade do pacto por unha cultura sustentable en Galicia, e Joam Evans, integrante da comunidade de montes de Froxán. A conversa será moderada por Miguel Rial, do colectivo Fousas ao Monte. Seguiralle unha presentación de casos de proxectos sustentables, que se centrará no Laboratorio Ecosocial do Barbanza e no Festival Agrocuir, e será conducida por Fran Quiroga, coordinador do estudo de cultura e sustentabilidade do Consello da Cultura Galega.

O segundo bloque estará dedicado á sustentabilidade política, e será guiado pola poeta e activista Charo Lopes e contará coa participarán David Rodríguez, autor do blog 'O Funambulista Coxo', e de representantes de Rexenerando Cooperativa (cooperativa sen ánimo de lucro fundada no 2014 en Ferrolterra, conformada por un equipo interdisciplinar que desenvolven proxectos de intervención sociocomunitaria para a xustiza social, co obxectivo de rexenerar as vidas e os vínculos colectivos).

O último bloque da tarde centrarase na sustentabiliade económica e versará sobre a precariedade no sector da cultural. Consistirá unha conversa sobre o "manual de supervivencia na cultura galega", na que participarán o xestor cultural especializado no ámbito dixital, Sergio Lago, a xestora cultural e xornalista María Yáñez e o técnico cultural Alberto Garcia. Entre os diferentes bloques e ao remate da xornada, intervirán 'AldaoLado'.

Todas as intervencións serán retransmitidas en directo a través da canle de Youtube da área de Cultura da Deputación da Coruña e serán interpretadas en lingua de signos.

Páxinas suxeridas